Pazos de Merexo xa ten o seu disco


Unha alegría completa a que nos proporciona a publicación do primeiro libro-disco de Pazos de Merexo. I é que ademais de sentirnos orgullosos do noso patrimonio vivo, como é Pazos, a culpable desta histórica edición, aCentral Folque contou con QPC para completar o disco. Alí estabamos nós aquela máxica noite no Couto con Kepa Junkera e Pazos de Merexo, e realizamos unha grabación que nos pediron para engadila no cd e que estivemos encantados en compartir e da que podemos ver un anaco neste vídeo.
Un Pazos que nós coñecíamos en clave de loita social, naquelas manifestacións contra o Plan Acuícola durante o 2008, e nas que aos seus xa máis de 85 anos levaba o seu acordeón ao son do #Merexononsevende. Un Pazos que aos mestres da editorial, lles recorda a un “vello tocador de blues”, e esa idea foi a orientiou a Eutropio Varela na sesión de fotos que dá portada ao libro-disco.
Kepa Junquera e Pazos de Merexo no Couto from quepasanacosta on Vimeo.
A Presentación pública

Así, despois de, aos seus máis de 85 anos, recibir o Premio María Amelia e o Premio Nordés, o bo de Pazos asistirá á presentación do seu primeiro libro-disco: “Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte”. O acto de presentación será este próximo domingo ás 11:00h no Salón do voluntariado en Muxía coincidindo con a entrega do premio María Amelia.
Logo haberá un xantar-acordeonada no restaurante Riojano no que acordeonistas de todo o pais se achegarán para compartir este momento tan especial con Pazos. Para acodir habería que reservar por telefono no restuarante Riojano 981 742 320. A data limite para facer a reserva é este venres dia 10.
Na presentación intervirán os autores Xurxo Souto e Pedro Pascual, o editor e director da colección Chave mestra Ramon Pinheiro e o alcalde de Múxía, Félix Porto. Como feche está prevista a intervención musical de Pazos de Merexo acompañado de novos e virtuosos acordeonistas de distintos pontos de Galicia, entre eles, os seis netos.
Historia viva
O libro-disco “Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte”, recolle os periplos vitais e as obras do repertorio de Pazos do Merexo, o último maestro do acordeón diatónico de Galiza. O libro conta con abundante documentación gráfica, e unha cuidada presentación, e se presenta ademais cun Cd no que podemos escoitar en versión orixinal unha selección de gravación inéditas de Pazos do Merexo realizadas no últimos vinte anos polos investigadores Olga Kirk e Pablo Díaz. Ademais inclue unha selección das aparicións de Pazos de Merexo en programas de TVG como Alalá –no que aparece acompañado polo acodeonista Brais Maceiras- ou Luar. Tamén a súa recente colaboración con Kepa Junkera recollida no doble disco Galiza con o que o vasco homenaxeou a música galega.
Xurxo Souto e Pedro Pascual, os dous autores do libro, son profundos coñecedores da dimensión musical de Pazos e do que supón no contexto da Música Popular Galega como un referente único e inescusábel para as novas xeración de músicos e afeizoados. Ambos teñen compartido inúmeras horas con Pazos tanto en Merexo como en distintos pontos de Galiza e teñen sido destacados divulgadores entre músicos e público tanto da sua figura como do seu repertório e técnica interpretativa.
O reputado fotógrafo Eutropio Varela, e os divulgadores Ramón Pinheiro Almuinha e Pedro Pascual son os culpables desta edición enmarcada na colección ”Chave Mestra” de aCentral Folque, unha colección que afonda no coñecimento de personaxes históricos do patrimonio musical e oral galego. Artistas que destacaron e ofreceron a súa personalidade, bon facer e axudaron a transmitir un coñecemento esencial do presente cultural galego. Gaiteiros, zanfoneiros, violonistas, narradores, acordeonistas… Aquí comeza unha serie de publicacións para rescatar, descubrir e divulgar, figuras indispensabeis da cultura tradicional galega. Libros de alta calidade con fotos inéditas, ensaio histórico e musical, transcrición de partituras e CDs con gravacións orixinais e inéditas en cada unha das publicacións.
Artigos relacionados
- Viki Rivadulla: Pazos de Merexo.
- Xurxo Souto: Pazos de Merexo, o mestre do acordeón diatónico da Costa da Morte.
Novas relacionadas
- Muxía homenaxea a Pazos de Merexo co Premio María Amelia e un libro-disco.
- A Costa da Morte rende homenaxe a Pazos de Merexo nos Premios Nordés.
- Os premios do 15º aniversario da Nordés.
- “Pazos de Merexo debería de ser patrimonio da UNESCO”.
- Día de emocións e sorpresas con Kepa Junkera e Pazos de Merexo.
- Duelo de acordeóns interxeracionais en Muxía.
- Máxica noite con Kepa Junkera e Pazos de Merexo no Couto.
- Marcos Rodríguez asegura podio na Copa do Mundo de Fotografía.
Máis novas
- Premio María Amelia 2013: Un pirata e un corvo recibirán o Premio María Amelia 2013.
- Premio María Amelia 2012: Aurelio González Fernández recibe o Premio María Amelia 2012.
- Premio María Amelia 2010: Xan Fernández Carrera galardoado co Premio Maria Amelia 2010.
- 20-05-10: Un ano sen María Amelia.
- 21-05-09: Ata sempre María Amelia.
- 27-03-09: María Amelia descobre o vídeo chat.
- 09-05-08: Entrevista con María Amelia: ”Son socialista desde os 16 anos”.
- 19-11-07: María Amelia gaña o premio Bobs ao “Mejor Blog de habla hispana”.
- 02-09-07: 1ª entrevista: María Amelia fala por internet.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).