- A banda de Muros volve á palestra para promocionar o seu primeiro disco de longa duración “Ao Revés Do Mundo”.
--- ---- ---
O Castelo Rock, Caudal Fest, o Tsunami Xixón e o mesmo Resurrection Fest 2023, xa acolleron concertos da banda muradá, que está a cociñar a lume lento o que será o seu vindeiro traballo, que chega, como non, cargado de letras comprometidas e revolucionarias.
O pistoletazo de saída é este novo single e videoclip que dá nome ao álbum cunha dúbida existencial: “É o mundo ao revés, ou son eu o que está ao revés do mundo?”. En palabras da banda: “construímos unha letra intimista nacida de vivencias persoais, na que se buscan respostas ante a ausencia de responsabilidade afectiva na sociedade capitalista. Unha reflexión sobre o individualismo que ateiga os nosos días, e un chamamento a pór cadanseu gran de area para coidarnos.”
Continúan apostando por ese riff potente tan característico, ademais de estrofas afiadas e un estribillo directo e pegadizo. “Démoslle unha visión instrumental máis Emo, emulando o hardcore melódico de mediados dos 2000 para facer xustiza á temática.”
Para elo, contaron de novo co produtor de Ames, Iago Pico (Tanxugueiras, Rayden, Nao) na produción do novo álbum.
Para o vídeo, a banda volve a contar co equipo de El Membrillo Studio, cun videoclip gravado na Coruña baixo a dirección de Bastian Rodríguez.
Ao Revés Do Mundo estrearase a finais de ano, precedido de dous sinxelos máis. O álbum componse de dez cortes de punk rock melódico, oito deles en galego. Liberado de todo tipo de complexos, inclúe cancións críticas, cancións íntimas e cancións de amor. Será o traballo máis potente, melódico e elaborado da banda.
Máis novas de Deleiba:
- 2023: Deleiba saca novo sinxelo mariñeiro preparándose para o Resurrection.
- 2022: “Alegre Falsedad”. Como Deleiba combate o postureo das redes sociais.
- 2021: Deleiba lanza "Erguerse", unha mensaxe de esperanza para o Rock Galego.
- 2020: A banda muradá Deleiba presenta o seu novo vídeoclip
- 2020: Juan Figueiras: “A Sala Nasmo son os músicos”.
- 2019: ”A Sala Nasmo é un servizo crucial para o nacemento de bandas como Deleiba.