Así quedaron as obras de mellora do sendeiro do Saldoiro
Concluíron as obras de mellora do pavimento do Sendeiro de Saldoiro de Caión. O proxecto afectou ao último tramo construído do paseo marítimo e consistiu na restauración do firme nas zonas que presentaban un maior deterioro debido ao paso do tempo.
A actuación foi respectuosa e conservou as características construtivas e formais do sendeiro. Os materiais antigos foron reutilizados mediante un proceso mecánico consistente no fresado e o triturado para, a continuación, volver estendelo sobre o pavimento, compactándoo e engadindo unha pequena porcentaxe de cal para estabilizar a superficie.
Estes traballos complementaranse cunha intervención de reforzo na balaustrada de madeira existente nun tramo que protexe aos sendeiristas ante o desnivel existente nese punto do percorrido.
O orzamento superou os 28.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Xunta.