Martes. 15.10.2024
El tiempo

Juanjo Ruíz debulla a súa segunda novela, "El novio del cardenal"

El novio del cardenal de Juanjo Ruiz
Juanjo Ruíz debulla a súa segunda novela, "El novio del cardenal"

Que mellor que un libro para este Días de Reis. Se nestas semanas pasadas estreábamos as novas novelas de Suso Lista e Roberto Traba Velay, hoxe imos ata A Laracha, para falar con Juanjo Ruiz.

O barcelonés, afincado na nosa terra dende hai máis de 40 anos, presenta a súa segunda novela, “El novio del cardenal”. Editado por Travieso, en breve poderémola atopar nas librarías da Costa da Morte, A Coruña, Ferrol ou Santiago.

A novela, que herda personaxes da súa primeira obra, “Los dados trucados de Dios”, desenvolvése na nosa Costa da Morte (ademais de Madrid e Barcelona), mesturando historias de amor, de asasinatos, e de corrupción.

Escrita tamén en Vimianzo en 2015 (mudouse hai pouco tempo á Laracha), forma parte da “Triloxía de Morales”, que rematará coa publicación da terceira obra nun futuro, “El gen de los ángeles”.

A historia arrinca coa aparición dun cadáver, crucificado cun cartel que pon “El novio del cardenal”, dun surfista vimiancés mundialmente coñecido, no Ézaro.

As tres personaxes principais comparten protagonismo na triloxía: Luís Peñafieta, consultor da COEO; Mario Durán, un ex avogado despedido de CCOO; e o que se acabou convertindo na alma da triloxía, Eufemio Morales, un inspector de Policía que se fixo alumno de Billy el Niño, torturador franquista e post-franquista.

Polo medio atoparemos dende unha relación ilícita dunha deputada independentista en Barcelona, coñeceremos a mafia rusa, unha secta relixiosa (“Os Pitufos”), todo mesturado cun punto de inflexión.

“Pero hai un feito que non é para nada ficción, que se recolle na páxina 96, que ten a súa importancia histórica polo descoñecido, algo que non se publicou nunca respecto ao asasinato de Puig Antich en 1974”, explícanos o autor. “Por desgracia eu fun testemuña daquela cea, co meu pai, e por desgracia escoitei o que dixo un dos fiscais do caso, un comandante do exército, e que me marcou moitísimo. Era unha creba do estado de dereito que para min foi unha liberación publicalo na novela”.

 

Novas relacionadas

Comentarios