A Laracha comeza unha nova campaña de trampeo contra a velutina

A piques de chegar a primavera e os concellos máis comprometidos comezan a campaña contra a avespa velutina. É o caso da Laracha, que inicia a campaña de trampeo para combater esta temible especie invasora.
Lembran que é un momento fundamental, pois é a época nas que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños e, por tanto, o momento no que debe realizarse un maior esforzo para evitar o xurdimento de novas colonias.
A campaña levarase a cabo de dous xeitos paralelos co propósito de optimizar os resultados. A fase inicial consistirá na colocación, a cargo dunha empresa especializada no control de pragas, dun centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en zonas verdes, parques e prazas de titularidade pública.
Ademais, o Concello fai un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía. Aquelas persoas que o desexen poderán solicitar de balde no Concello a partir do luns 21 de marzo tanto trampas como líquido atraínte.
Así mesmo, lémbrase que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso chamar ao teléfono 012 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia e que a empresa pública Tragsa poida proceder á súa eliminación.
NOVAS RELACIONADAS
- Xullo 21: Máis de 20.000 raíñas de velutina capturadas entre Camariñas e Zas.
- <ño>Xullo 21: Carballo remata a campaña de trampeo de velutina multiplicando por 3 as capturas de raíñas do ano pasado.
- Maio 21: Multiplícanse por 4 as capturas de velutina.
- Xuño 2020: Remata a temporada de trampeo, toca loitar contra os niños.
- Xuño 2020: Ratifican o aumento da presencia de Avespa velutina.
- Maio 2020: As campañas de trampeo demostran a expansión da avespa velutina.
- Pedro: “Os Concellos estamos atados para loitar contra a avespa velutina”.