Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O Obradoiro de Emprego coida a Carballeira de San Fins

2023.07.20.- Obradoiro emprego na carballeira de San Fins
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, visitaron a carballeira de San Fins para coñecer o resultado dos labores que se están a levar a cabo.
O Obradoiro de Emprego coida a Carballeira de San Fins

O obradoiro dual de emprego que está a pleno desenvolvemento na Laracha iniciou nesta semana unha nova fase de actuacións. O alumnado da especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, que ata o de agora centrara a fase práctica no Castro de Montes Claros, comezou a intervir na carballeira de San Fins.

Trátanse dos primeiros traballos de posta en valor deste espazo desde a súa recente adquisición por parte do Concello. Son realizados polos dez alumnos traballadores da citada especialidade do obradoiro -que están divididos en tres grupos- coa coordinación da Fundación Juana de Vega, redactora do proxecto de recuperación e xestión da carballeira. Estas actuacións iniciais consisten basicamente na apertura dos camiños interiores e na eliminación de vexetación invasora en determinadas zonas que así o requiren. Deste xeito o Concello combina nestas intervencións dúas iniciativas diferentes impulsadas polo goberno local que se complementan entre si. 

Por unha parte, o obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego VI que se desenvolve desde o pasado mes de outubro conxuntamente co Concello veciño e co apoio financeiro da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Proxecto de recuperación

Por outro lado, o proxecto de xestión e posta en valor da carballeira de San Fins, promovido polo Concello para transformar este espazo de 2,2 hectáreas -nas que existen aproximadas 1.300 árbores- nunha área medioambiental de referencia cultural, pedagóxica e educativa para o coñecemento e interpretación da flora e a fauna autóctonas e redactado pola Fundación Juana de Vega. 

Dentro das actuacións de conservación, mantemento e manexo da vexetación deseñadas pola Fundación Juana de Vega e que comezou a acometer o alumnado do obradoiro de emprego, están a limpeza sinxela e poda do arbolado que presenta ramas mortas, así como a eliminación da hedra naqueles exemplares que se atopan en peor estado e a xestión de vexetación exótica invasora. Como medidas de conservación da fauna, o trazado das rutas para visitantes que tamén se iniciou ten en consideración puntos clave e establecerá un camiño permanente e outro temporal a empregar exclusivamente na época fóra da cría. Esas zonas de tránsito respectan a diversidade biolóxica, minimizan ao máximo os novos usos e contemplan o establecemento de puntos de interese para a observación de fauna e flora singular que contarán con mobiliario elaborado en material natural, principalmente madeira.

Comentarios