Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O PSOE bergantiñán tamén presenta alegacións contra os parques eólicos de Monteagudo e Pedra Queimada

Caion aerea
Vista aérea de Caión
O PSOE bergantiñán tamén presenta alegacións contra os parques eólicos de Monteagudo e Pedra Queimada

O PSdeG-PSOE rexistrou na Vicepresidencia Primeira da Xunta e na Consellería de Economía, Empresa e innovación as súas alegacións á infraestrutura de evacuación do parque eólico de Monteagudo, tal como se fixera tamén coa instalación proxectada en Pedra Queimada.

Consideran que tanto "os aeroxeneradores como as vías de acceso e as liñas de conexión coa rede eléctrica terían un forte impacto sobre varios núcleos de poboación e tamén para as Áreas de Interese Paisaxístico dos tres concellos afectados". Nas últimas semanas, o Grupo Municipal socialista da Laracha estivo en contacto cos colectivos implicados na defensa do territorio e obtivo o respaldo de veciños e veciñas que subscribiron o documento de alegacións a título particular.

A portavoz socialista no Concello da Laracha, Palomi Rodríguez Castiñeira, advirte de que “estes proxectos supoñen unha ameaza, particularmente, para os valores ambientais e paisaxísticos da contorna de Caión”, unha parroquia onde o turismo e a hostalería teñen especial importancia a nivel económico. A Senda dos Faros, os históricos camiños de peregrinación cara ao Santuario dos Milagres ou a Vía Céltica, recoñecida como ruta xacobea pola Catedral de Santiago, son algúns dos recursos turísticos que se verán prexudicados de maneira directa.

As agrupacións socialistas de Arteixo, Carballo e A Laracha, entenden que a Xunta debe rexeitar as solicitudes para a instalación dos parques eólicos. Rodríguez Castiñeira reclama, ademais, “transparencia” en torno a todo o proceso administrativo “para que os intereses da cidadanía prevalezan fronte ás aspiracións duns promotores que actúan con ánimo de lucro”. Lembra, ademais, que a infraestrutura proxectada “pode provocar danos irreversibles en numerosos elementos patrimoniais arqueolóxicos e etnográficos”, así como para certos espazos naturais de enorme valor.

Comentarios