Venres. 29.03.2024
El tiempo

Rueiros da Vila converterá Caión nun Festival durante 9 días

O evento foi presentado hoxe por José Manuel López Varela, xunto a Mahoney, o responsable da entidade que xestiona o programa.
Rueiros da Vila converterá Caión nun Festival durante 9 días

A segunda edición dos Rueiros da Vila converterá Caión entre o 20 e o 28 de agosto nun festival musical e cultural con concertos e actividades lúdicas dirixidas a todos os públicos. Unha aposta gratuita, financiada integramente con fondos municipais, que trata de remarcar ademais “o carácter de Caión como punto de referencia turística”, dando ademais a oportunidade de actuar a grupos locais.

Serán 8 días con propostas variadas, para todas as idades, en 4 escenarios únicos e envexables:

  • Escenario Salseiras: zona verde xunto ao acceso principal á praia.
  • Escenario Patio: finca situada entre a igrexa parroquial e o paseo marítimo.
  • Escenario Rueiro das Figueiras: praza Virxe dos Milagres.
  • Escenario Cárcere Vello: paseo marítimo.

A música será a gran protagonista, e en cada xornada na que hai presenza de DJs farase un segundo pase unha vez rematados os concertos, polo que a música continuará despois das 23:30 h.

O sábado 20 a dobre proposta comezará ás 18:30 h con 2B1_Selektah, grupo que amosa gran variedade fluíndo entre os beats do house e a música máis urbana, ademais de mesturar a música electrónica en todas as súas vertentes. Desde as 21:30 será a quenda para Pan Sen Fron, singulares pandeireteiras cuxa especialidade é tocar pola e en cuxo repertorio atoparemos pezas reinterpretadas cun estilo propio e característico.

O domingo 21 repetiranse os mesmos horarios. Pola tarde, co DJ Avocado. Á noite, con Fransy, Davide e Cibrián, un novo trío que trae unha proposta de música e letras tradicionais con aires novos e contemporáneos.

O luns 22 o protagonismo será para o supercombo musical Macheta Supah Sound (20:30 h), cunha mestura de estilos jazz, funk, blues e rock con ritmos da África occidental.

Para o martes 23 (20:30 h) está programada a actuación de Xackal, banda na que conflúen a música electrónica coa vitalidade das percusións.

O mércores 24 (20:30 h) continuarán os concertos coa música do banda larachesa Ambigüo que en breve presentará o seu novo LP.

O xoves 25 (20:30 h) será a quenda de Mad Martin Trío, a mellor banda galega de rock clásico.

O venres 26 a oferta volverá ser dobre, primeiro con Leuter (18:30 h), que presentará o seu novo directo, e Apart (21:30 h), banda de rock influenciada polos sons dos anos 70, pero cunha visión actualizada.

O sábado 27 concluirán os concertos coa música electrónica de Boneco (18:30 h) e a unión de culturas como ferramenta para promover a solidariedade e empatía entre os pobos do mundo a través do espectáculo visual e sonoro de Perfusión (21:30 h).

O domingo 28 o protagonismo será para os máis cativos cos Rueiros Pequeniños. Ás 13:00 horas teremos a actuación de Peter Punk e pola tarde, desde as 19:00 h, o contaconto musical As aventuras da castaña Garrida. Ambos eventos serán no Escenario Salseiras.

Cartel Rueiros da Vila Caion

Outras actividades

Como actividade complementaria, o mércores 24 desde as 12:30 horas coa colaboración da Confraría de Pescadores realizaranse os Roteiros da Vila, un percorrido polos lugares máis importantes da historia e tradicións de Caión guiado polo historiador local Marcos Amado que rematará cunha visita ao museo do Arquivo da Pesca.

Poden seguir as actividades no Facebook e instagram @rueirosdavilacaion.

Programa Rueiros da Vila Caion

Comentarios