A Deputación esixe a supresión da peaxe da AG-55
20:07 29/06/16
O pleno de Deputación comezou cun minuto de silencio polo atentado de onte no aeroporto de Estambul
A supresión da peaxe da AG-55 foi un dos principais puntos tratados no apartado de mocións do pleno da Deputación da Coruña celebrado esta mañá onde tamén lle deron luz verde a varios investimentos para a Costa da Morte. Finalmente aprobouse unha moción impulsada polos grupos provinciais do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Alternativa dos Veciños e Compostela Aberta pedindo a supresión da peaxe na AG-55, que contou co único voto en contra do Partido Popular.
Non saíu adiante outra moción impulsada polo PP e apoiada por Alternativa dos Veciños na que pedía a creación dunha mesa interadministrativa coa participación da Deputación e concellos para eliminar a peaxe de Pastoriza. O portavoz do Partido Popular neste punto foi o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, que sostivo que a moción suscrita polos restantes grupos políticos representados na Corporación “perxudica” ao concello arteixán e pediu “separar dous temas distintos”, xa que mentres Arteixo demanda que non se realice o novo enlace co porto exterior, que costaría 40 millóns de euros, e se destinen parte deses fondos a rescatar a peaxe, o que custaría uns 22 millóns, dos que o concello achegaría 12; a supresión total de peaxes en toda a AG-55 suporía máis de 120 millóns de euros.
Pola súa banda, os portavoces de PSOE e BNG, Julio Sacristán e Xosé Regueira, defenderon demandar á Xunta de Galicia a “eliminación total” da peaxe da AG-55, que afecta, ademais de Arteixo, a moitos outros concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Costa da Morte. En similares términos se pronunciou o portavoz do BNG, Xosé Regueira, que lembrou que a AG-55 “fíxose con cartos públicos porque ía ser sen peaxe” e “foi o PP o que instaurou a peaxe e o que ampliou a concesión”, que perxudica a moitos veciños de Bergantiños ou Costa da Morte que se desprazan a diario a traballar á area coruñesa.
A supresión da peaxe da AG-55 foi solicitada en numerosas ocasións por distintos colectivos. Unha das últimas foi unha mobilización de vehículos en sinal de protesta por cobrar igualmente a peaxe a pesar de estar un ano e medio en obras.
Última fase do PAS
Unha das obras do PAS é a mellora da estrada que une Tines e Treos, no concello de Vimianzo
Por otra parte, o pleno da Deputación da Coruña aprobou tamén a cuarta e última fase do Plan de Acción Social - PAS -, cun investimento de 16,5 millóns de euros que se destinarán ao financiamento de 184 obras en 43 concellos da provincia coruñesa. No que se refire á Costa da Morte, o organismo provincial destinará máis de tres millóns de euros repartidos entre os seguintes concellos.
- Cabana de Bergantiños: 322.891,93€
- Carballo: 917.250,66 €
- Carnota: 233.461,36 €
- Coristanco: 439.859,84€
- Laxe: 184.046,34€
- Ponteceso: 346.324,47€
- Vimianzo: 516.381,45€
- Zas: 401.263,89€
Novas relacionadas
- Varios investimentos na Costa da Morte forman parte da orde do día do pleno da Deputación
- Tras ano e medio de obras, a autoestrada de peaxe da AG-55 volve ter dous carrís
- De peaxe, obras e radares na AG-55.
- Piden a recuperación do proxecto integral da Autovía Costa da Morte.
- Setembro 2014: Mobilización de vehículos pola supresión da peaxe na AG-55.
- 28-07-14: O BNG pide no Parlamento a supresión da peaxe da AG-55.
- 2011: A peaxe da AG-55 queda como está.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Deputación da Coruña