domingo. 04.05.2025
El tiempo

A Revista Thaumazein preséntase por Bergantiños

A Revista Thaumazein preséntase por Bergantiños
Cartel Thaumazein feb 15

Xa a podedes atopar en varios establecimentos de toda a volta. Pero para os que queirades coñecer de primeira man de que se trata, o salón de actos da Casa do Pescador de Malpica acollerá este sábado, ás 19.30 horas, a presentación da Revista Thaumazein, a publicación semestral do colectivo Universidade Cromática das Virtudes. Un espazo que que inclúe ensaio, fotografía, poesía, literatura, cine, debuxo... todo o pensamento da Costa da Morte. No acto, no que colabora o Concello de Malpica, intervirán Sergio Cernadas e Borja Santiago, membros da Universidade Cromática, cos que temos falado nas Bondades da Fala.

“Na Costa da Morte _explican _ reside unha gran potencialidade. Aquí nace a creatividade dos pensadores consolidados pero tamén dos mozos e mozas que, espallados polas universidades, institutos e escolas galegas, reflexionan sobre a súa realidade. Tamén sabemos daqueles que escriben as súas experiencias en forma de relatos, dos que se expresan en verso, daqueles que capturan instantes eternos coas súas cámaras fotográficas e os que plasman en lenzos e esculturas as pulsións da arte”. A Revista Thaumazein trata de facerse un oco en plena era dixital, porque os seus promotores confían en que sempre haberá “nostálxicos” que decidan ler os pensamentos das persoas que colaboran nela.

“Thaumazein” é un termo grego que designa un estado de asombro, de admiración, de sorpresa. Seguindo a Aristóteles, tal estado é considerado o principio da sabedoría, da busca da mesma. A diferenza dos gregos, que se asombraban coas grandes cousas, “nós ficamos prendidos das pequenas, desas nimiedades que se transforman en xigantes nas nosas cabezas”, din os membros da Universidade Cromática.

Xa están a preparar a novena, que versará sobre mitho-loxía, e xa podedes ir indagando máis na web revistathaumazein.com.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios