luns. 02.12.2024
El tiempo

Íntegro pechou entre bágoas e emoción o seu 30 aniversario

30 aniversario Integro
Íntegro pechou entre bágoas e emoción o seu 30 aniversario

Fermosa e emotiva gala, chea de recoñecementos, para poñer o broche de ouro a un ano repleto de actividades polo 30 aniversario da Asociación Íntegro. Máis de 200 persoas ateigaron o auditorio de Cabana fara poñer caras aos máis implicados traballadores en materia de inclusión, diversidade, igualdade de oportunidades ou visibilidade.

Ademais de usuarios/as, familiares, socios/as, directivos/as, veciñanza e moitas persoas anónimas vinculadas á entidade desde os seus inicios, estiveron presentes numerosas autoridades como a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; a deputada de Benestar Social, Ana Lamas; o presidente de Cogami, Anxo Queiruga; o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, así como representantes de diferentes concellos da Costa da Morte.

30 aniversario Integro-Publico

Un dos discursos máis esperados era o do presidente Adolfo López Baña, que fixo un minucioso percorrido polos 30 anos de historia da asociación, relatando os obstáculos e barreiras superadas desde a creación de Ponte-Cabana ata a actualidade, sen esquecerse da COVID e o cambio de hábitos que trouxo consigo, para concluír lembrando que “é hora de seguir avanzando e aportando á comunidade a través do noso valor social”.
En calquera caso, deixou patente o positiva que é a entidade para a sociedade: “Por cada euro público recibido, Íntegro aporta 12€ á sociedade, contribuíndo así á cohesión do tecido empresarial e social da Costa da Morte”.

A deputada Ana Lamas, destacou a traxectoria e o traballo que leva a cabo “unha entidade que é referencia no eido social e que está aportando calidade de vida nun sector onde a discapacidade limita pero non condiciona, dando un futuro a cada unha das persoas usuarias do centro”.
Pola súa banda, a conselleira María Jesús Lorenzana puxo en valor o traballo desenvolvido por Íntegro e agradeceu “a defensa que realiza en favor da igualdade de oportunidades e o seu compromiso social”. Entre os programas e servizos da asociación, Lorenzana destacou o labor do Centro Especial de Emprego MaisPorvir Xestión Social, así como as accións formativas adaptadas e personalizadas para facilitar e apoiar o acceso ao emprego. A titular da área de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia tamén fixo mención á Medalla Pardo Bazán, que a entidade vén de recibir do órgano autonómico como recoñecemento á súa contribución a unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria.

Recoñecementos especiais

30 aniversario Integro 2

Se ben o momento máis especial do día protagonizárono os usuarios/as da entidade sorprendendo aos fundadores cun galardón polo seu labor durante estas tres décadas, a entidade quixo destacar a varias persoas:

María Verdes, enfermeira, socia e membro da entidade desde os seus inicios, en nome do persoal sanitario, que tan importante labor realizou durante a pandemia; Vanesa, asistente persoal e profesional sociosanitaria que representou ao colectivo de profesionais de atención sociosanitaria, e Carmen Villanueva, unha das primeiras traballadoras de Íntegro, veciña de Nantón e na actualidade voluntaria da asociación.

O recoñecemento empresarial recaeu en José Ramón Pombo Imia, de Autocares J.Pombo, un dos colaboradores máis antigos da entidade, comprometido coa inclusión social das persoas con discapacidade e que na actualidade conta cunha flota de autobuses na que o 60% das prazas son accesibles.

A actuación musical do CMUS de Carballo puxo o punto e final ao acto no auditorio municipal de Cabana.

Novas relacionadas

Comentarios