Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Íntegro celebra o seu 30º aniversario cunha xornada de portas abertas

xornada portas abertas Integro
Íntegro celebra o seu 30º aniversario cunha xornada de portas abertas

Dentro da programación conmemorativa do seu 30º aniversario, a asociación Íntegro celebrará o vindeiro día 30 unha xornada de
portas abertas no Centro de Recursos de Nantón, en Cabana de Bergantiños, para dar a coñecer a toda a veciñanza tanto as súas instalacións como as diferentes actividades que desenvolve ao longo do ano.
Baixo o lema “todos e todas sumamos”, a entidade pretende involucrar e sensibilizar á cidadanía para camiñar xuntos na inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

A xornada arrincará ás 11.00 horas con actividades para todos os públicos. Desde primeira hora, nenos/ as e maiores poderán desfrutar elaborando os seus propios xabóns, chapas e pulseiras nos diferentes obradoiros que se levarán a cabo e nos que contarán coa axuda de usuarios/as e monitores/as do Centro Ocupacional.
E para promover a conciencia ambiental dos/as asistentes, tamén haberá talleres de reciclaxe de plásticos. A través do
programa Diversiplás, daranse a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de reciclaxe, así como os novos produtos e as súas utilidades.

Paralelamente, realizaranse demostracións de produtos de mobilidade activa a cargo de Tomás Cutrín, de Innova Procare. En ambos casos, as actividades prolongaranse ata as 13.00 horas.
O deporte e a actividade física tamén estarán presentes nesta xornada de portas abertas coa celebración dunha masterclass de zumba para facer exercicio e divertirse ao ritmo da música. Será de 11.30 a 12.00 horas.

A continuación, terá lugar unha charla sobre afectividade e sexualidade en persoas con diversidade funcional, impartida pola psicóloga e sexóloga Laura Ramírez.

Ao remate da xornada, os usuarios/as e as súas familias participarán, xunto cos traballadores/as e directivos/as do centro, nun xantar de confraternidade para conmemorar o 30º aniversario da entidade.

Comentarios