![actividades-outono-cabana-bergantinos]()
actividades-outono-cabana-bergantinos
"Outono do patrimonio" é o nome do programa cultural que vén de anunciar o concello de Cabana de Bergantiños para os vindeiros días e que xa arranca mañá venres coa
proxección do documental "Aínda recordo, aínda" que terá lugar ás 16 horas no auditorio do centro social de Neaño e ao que asistirán usuarios e familias do centro de día.
Xa en outubro haberá varias citas. A primeira será o mércores 18 de outubro ás 12:30 horas no auditorio municipal onde o alumnado de primaria de Cabana de Bergantiños interpretará
"Moendo muiñeiras"; un espectáculo de teatro, danza e música.
Batuko Tabanka ofrecerá o domingo día 22, ás 17 horas, unha actuación que se leva a cabo grazas á colaboración co Fondo galego de Cooperación. A seguinte cita será o día 28 ás 19 no mesón o Xastre de Anos que acolle unha
foliada na que tocarán e bailarán os membros de O Son do Castro, Os Farrapos e os gaiteiros de Anos. Ao día seguinte, o domingo 29, celebrarase un
Samaín solidario e un magosto na praza de Neaño. E xa o martes 31 de outubro, o alumnado de secundaria do CPI As Revoltas asistirá a representación de "Menú magníficos" de Os Sete Magníficos máis un.
O centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate acolle o 10 de novembro un
"encontro interxeracional no verán de San Martiño" no que participan o alumnado de todos os centro educativos do municipio xunto cos usuarios e usuarias do centro de día. A cita comeza ás 10 horas e haberá xogos, tren do castañeiro e unha escenificación teatral da man de Os Quinquilláns. Volve a
foliada o sábado 18 de novembro a partir das 19 horas. Nesta ocasión será na parrillada O Rempenín e no bar Josefa, de a Mata. Ao día seguinte, o 19 de novembro, ás 18 horas a compañía Talía Teatro interpretará a súa obra
"Foucellas".
E como vén sendo habitual nos últimos anos, durante a ponte de decembro os bares de Neaño e Canduas farán a súa ruta de
"Saberes e sabores de Cabana de Bergantiños".
Durante estes meses de tempada baixa o
centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate ofrece visitas guiadas de venres a domingo en horario de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Cabana de Bergantiños