O proxecto eólico de Mouriños afectaría a dous elementos arqueolóxicos catalogados
Continúan os argumentos en contra dos dous parques eólicos de Cabana e de Laxe. Hoxe toca centrarnos no parque de Mouriños, que afecta a Cabana (e un pouco do Concello de Zas). A pasada semana era Ventonoso a encargada de ofrecer algo de información (a eterna esquecida nestes procesos) aos veciños cunha charla en Borneiro. Desta volta, volve a Plataforma Salvemos Cabana a falarnos das consecuencias que podería ter este parque.
A entidade xa falou da ameaza que supón para unha zona como o esteiro do Anllóns e para unha ave protexida. Pero estes días vén de descubrir que hai dous elementos de patrimonio arqueolóxico catalogados: o Castelo de Borneiro (que quedaría próximo ao aereoxenerador M3 do proxecto); e a Mámoa do Pico de Sinde ,
Denuncia ademais que no texto sometido a consultas o preceptivo estudo de impacto arqueolóxico figura como "pendente". A Plataforma considera, neste sentido, que este debería ser un requisito previo ao comezo do procedemento de tramitación pois de non ser así, non resulta posible unha valoración de posibles efectos na fase de exposición pública.
Ademais, na sección dedicada ao "control e seguimento arqueolóxico" a redacción do texto desprende que é o técnico contratado pola empresa quen decide o destino de calquera achado arqueolóxico pero sempre que sexa posible evitando a paralización ou demora das obras. Unha situación que para a Plataforma “outorga, de facto, unha capacidade decisoria sobre o patrimonio cultural galego que ao seu xuízo non estaría xustificada sen a presenza dun representante público que poida controlar”.
Mámoa do Pico de Sinde
No Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Cabana de Bergantiños, a mámoa do Pico de Sinde aparece co código identificador GA15014046. É un "túmulo megalítico de aproximadamente uns 11 metros de diámetro e 80 centímetros de altura”, e está nun estado bastante aceptable.
No proxecto quedaría anexa ao aerexenerador M1, nunha área de especial risco arqueolóxio debido á súa proximidade coas infraestruturas previstas na planificación.
Castelo de Borneiro
Castelo de BorneiroO Castelo de Borneiro, identificado como GA15014003, é un asentamento da Idade de Ferro e Medieval, e ao igual que a mámoa, conta cun nivel de protección de grao II. O informe técnica descríbeo como "hábitat fortificado construído no alto dunha afloración granítica aproveitada para potenciar todo o sistema defensivo”. O xacemento quedaría próximo ao aereoxenerador M3 do proxecto.
Ampliado o prazo de presentación de alegacións
Finalmente, e debido a un cambio na lexislación vixente, a Xunta de Galicia ampliou o prazo de presentación de alegacións ata o 17 de agosto. Para ese efecto, e á parte das súas propias alegacións técnicas, a Plataforma Salvemos Cabana dispuxo un escrito xenérico para todas aquelas persoas interesadas que pode descargarse en ir.gl/alega e entregarse en calquera rexistro público.
Novas relacionadas
- Agosto 2017: O Manifesto de Laxe contra os eólicos.
- Xullo 2017: A Xunta acelera dous parques eólicos en Laxe e Cabana pese a forte oposición.
- Xullo 2017: O novo proxecto eólico Mouriños ameaza o esteiro do Anllóns e unha ave protexida.
- Decembro 2016: O Concello de Laxe e as asociacións ratifican o seu rexeitamento aos eólicos.
- Decembro 2016: Un Castelo medieval contra a invasión dos viraventos.
- Febreiro 2016: O Catálogo da Paisaxe abre o prazo de alegacións e alonxa aos eólicos de Laxe.
- Xaneiro 2016: Concello e Asociacións piden manter Laxe como o único Concello da Costa da Morte libre de eólicos.
Outras novas eólicas
- Dous aeroxeneradores sustitúen aos 22 muíños do parque eólico de cabo Vilán.
- Santa Comba, berce do primeiro viravento comercial.
- Decembro 2014: Dous novos parques eólicos ameazan os montes de Bergantiños e Soneira.
- Agosto 2012: Rotunda oposición ao parque eólico Outes-Mazaricos.
- Agosto 2012: 23 eólicos ocuparán a fachada marítima de Touriñán.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).