Xoves. 09.05.2024
El tiempo

2 millóns de euros para a pista de Reira

Pista de Reira antes e despois dos parcheados
Pista de Reira antes e despois dos parcheados
2 millóns de euros para a pista de Reira

Unha das sendas máis fermosas da comarca vivirá unha profunda reforma tras anos de parches. A senda que une Camelle co Cabo Vilán pasando pola duna do Monte Branco, as praias do Reira e o Trece e o Cemiterio dos Ingleses, leva anos sufrindo problemas cos temporais, e fica pechada por momentos. 

Parece que os parches rematarán cando se poña en marcha o agardado proxecto para a mellora da seguridade viaria da pista, despois de que a Demarcación de Costas en Galicia aprobase un investimento de 1.946.742,38 euros para mellorar a vía e poñer en valor esta zona.
A actuación, que comprende o tramo que vai desde o Cabo Vilán ata o Cemiterio dos Ingleses, ten os seguintes obxectivos: preservar e conservar o ecosistema natural, habilitar un paso peonil seguro, solucionar as alteracións no firme, garantir a protección sobre a costa e poñer en valor este espazo.

Os traballos contemplados pola Demarcación de Costas en Galicia son o acondicionamento do sendeiro existente, creando unha senda peonil de 1,60 metros de ancho estabilizada entre beirarrúa de madeira e cunha berma verde como zona intermedia entre a senda e os acantilados.
Ademais, mellorarase a zona de tránsito de vehículos de emerxencia e de servizo. Por último, instalaranse paneis informativos sobre os valores ambientais deste espazo e melloraranse as varandas de madeira.
O Concello ven de aprobar en Xunta de Goberno Local a dispoñibilidade dos terreos e que, unha vez rematadas as obras, se fará cargo do mantemento da vía.
 

Ruta polos recunchos da zona

Comentarios