A novela sobre U-49 de Rafael Lema representará a Galicia un congreso luso-galaico

O autor de Ponte do Porto, Rafael Lema, un dos nosos meirandes especialistas en materia de naufraxios, representará á literatura galega como autor invitado no 20 Encontro Luso-Galaico-Francés do Livro Infantil e Xuvenil que terá lugar na Escola Superior de Educaçao da Universidade de Oporto (Portugal) os días 12 e 13 de decembro. Este encontro internacional leva o epígrafe “De como a literatura para a infancia e a juventude é chamada a guerra”, en conmemoración do centenario da Gran Guerra e do 75 aniversario da Guerra Civil Española.

O autor intervirá ás 12 horas do día 12 para falar da súa novela U-49 editada por Tambre-Edelvives, baixo o tema “A grande guerra submarina desde Galicia”, e estará acompañado pola profesora Isabel Mociño González que realizou un traballo sobre a obra.

Unha novela que trata sobre as accións do submarino alemán U-49 nas costas galegas contra os convois aliados, cando afundiu 41 mercantes baixo o mando do komandant Richard Hartmann. A novela está ambientada na ría de Camariñas no tramo final da Gran Guerra e foi a seleccionada para representar á literatura galega neste encontro internacional polo comité organizador, do que forma parte a Universidade de Santiago. A obra resultou finalista do premio Martín Sarmiento en 2008.

Ademais no encontro de escritores e lingüistas galegos e de varios países de fala portuguesa e francesa por parte da comitiva galega coordinada por Branca Roig tratásense temas como “A febre do wolframio durante a Segunda Guerra Mundial”, “A guerra na obra de Agustín Fernández Paz”, “A guerra na educación secundaria de Galicia”.

Novas relacionadas

Máis novas de naufraxios

Novas sobre naufraxios

Outras novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).