A AEPT de Camariñas manterá vivo o rei dos Faros

”Non podemos permitir que se peche o rei dos faros, o Faro de Cabo Vilán, co permiso da Torre de Hércules, que é a raiña”. Así, facendo a mesma referencia que na inauguración da apertura do Faro en 2012, comeza o comunicado co que a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas anuncia que vai abrir un ano máis o único Faro vivo da Costa da Morte.
Co apoio da Deputación, e esperan con algo máis de apoio municipal, seguirán, polo menos ata final de ano, permitindo que os visitantes poidan gozar do patrimonio histórico e cultural dun dos recursos turísticos máis importantes da Costa da Morte. A reapertura será o vindeiro 28 de marzo.
Pouco valor lle damos na comarca a esta entidade polo traballo que fai no Faro camariñán. A directiva, tras 14 anos cargando nas súas costas o desgaste dunha asociación, dimitía o pasado novembro, pero a falta de relevo obrigoulles a tomar a decisión de continuar un ano máis. Ata aquí, en todo caso, aseguran, sinalando que xa están buscando xente que asuma o mando da entidade a partir de finais de ano. “Ten que ir entrando xente nova, con ideas novas, e que todo o mundo saiba o traballo que conleva unha Asociación”, sinala a presidenta Olga Campos, que considera que “o noso traballo non está valorado”.
Campos lembra o desgaste de “abrir a risco, como facemos sempre, pois a resolución das axudas de técnicos turísticos para Concellos e Asociacións da Deputación aínda non saíu”. Polo de pronto o convenio de cestión coa Autoridade Portuaria está renovado ata o 6 de novembro de 2025, e agardan que o Concello colabore algo máis con esta entidade sen ánimo de lucro que coida e pon en valor un ben de todos.
Dende hai dous anos propoñen visitas guiadas para sacar algo de rendemento, pero o que non dá avanzado é a proposta de subir á lente, como piden os turistas (só algúns privilexiados o conseguen).
”Temos un proxecto feito para poder acceder á base da Torre, e un anteproxecto a pequena escala, para realizar visitar tamén a lente. Ata temos ata un proxecto para o Castelo de Soberano, tivemos que renunciar, pero non dan aceptado nada, como o proxecto que tiña a propia Autoridade Portuaria”, lamenta Campos.
As boas novas tamén van vinculadas aos eventos, e a entidade volverá organizar a próxima edición de “O Encaixe no Camiño”, que se desenvolverá a fiin de semana do 26 e 27 de xullo 2025.
Novas relacionadas
A directiva da Asoc. Empresarios de Promoción Turística de Camariñas dimite e deixa orfo o único faro aberto da Costa da Morte O Faro Vilán, o único faro aberto da Costa da Morte, recibiu máis de medio millar de visitantes en Semana Santa Os visitantes do Faro Vilán piden subir á lanterna O Faro Vilán volve abrir, con exposición, gracias á Asociación de Empresarios e de Promoción Turística O Faro Vilán, o único Faro vivo da Costa da Morte, consegue abrir as portas por 10º ano consecutivo O Faro Vilán, o único Faro aberto da Costa da Morte gracias aos Empresarios de Camariñas Máis de 61.600 persoas visitan o faro Vilán durante o 2016