O BNG tamén pregunta no Congreso polo peche do ISM de Camariñas

Ana Pasantes, e o voceiro municipal, Xurxo Rodríguez no ISM de Camarinas
Ana Pasantes, e o voceiro municipal, Xurxo Rodríguez no ISM de Camarinas
O BNG tamén pregunta no Congreso polo peche do ISM de Camariñas

Tralas preguntas do grupo socialista de goberno e do PP, agora é o BNG de Camariñas o que, a través do parlamentario Néstor Rego, rexistrou varias preguntas no Congreso dos Deputados, dirixidas ao goberno español, relativas ao fechamento da oficina do ISM no municipio, que leva xa varias semanas sen servizo para as persoas traballadoras do mar e as súas familias.

Os nacionalistas lembraron que a Subdelegación do Goberno informou de que o motivo do fechamento é a falta de persoal para cubrir o posto da oficina. Así, a persoa que viña prestando o servizo deixou a praza; porén, o funcionario que tiña que cubrir a vacante solicitou á súa vez unha excedencia no momento da toma de posesión, e por tanto, o posto segue sen atenderse. Esta situación obriga ás persoas usuarias a desprazarse ata outras oficinas e centros, dificultando e dilatando a realización das súas xestións diante da administración.

Ante isto, o BNG quere saber cando se prevé que poida reabrir a oficina e prestar os seus servizos, así como se o goberno axilizará, na medida do posíbel, as xestións precisas para asegurar a cobertura da praza vacante e que poda volver a prestarse atención a público de xeito presencial. Ademais, a formación nacionalista preguntou polas medidas que vai adoptar o executivo español para garantir a cobertura áxil das prazas vacantes e que non volvan producirse situacións semellantes que obrigan ao fechamento do servizo.

O voceiro municipal do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez Baña, manifestou que “a oficina leva máis dun mes sen atención ao público e o goberno de Madrid sempre se xustifica dicindo que non hai persoal de substitución, pero pensamos que si hai formas de conseguilo”.

Rodríguez insistiu en que desde o BNG de Camariñas levan moito tempo batallando con esta problemática. “Non é un tema de agora, xa no pasado amosamos a nosa preocupación porque é un servizo esencial para o noso sector mariñeiro e marisqueiro; seguimos vendo que non se lle dá unha solución e por iso a finais de agosto presentamos unha serie de preguntas no Congreso dos Deputados a través de Néstor Rego”.

Máis novas

Comentarios