31 anos do FIOT = 30 de Mofa e Befa
Ademais de Pedro Brandariz, esta 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ten outros protagonistas. Son Mofa e Befa, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo (que recollerá este ano ademais o Xograr de Outono 22), membros da compañía galega Producións Teatrais Excéntricas, que celebra os seus 30 anos coa obra ‘Pirolíticos’.
O FIOT acollerá a estrea absoluta desta obra coproducida polo propio festival, nesa liña de apostar polo talento galego. Pero ademais, Carballo acolle unha interesante exposición sobre a compañía e ademais suma un mural coa súas facianas ao seu museo a ceo aberto desenvolto a través do proxecto Derrubando Muros con Pintura.
Mentres o coñecidísimo artista Yoseba MP remata o mural na rúa Barcelona, a carón do Pazo da Cultura, o FIOT celebraba a presentación da obra que se estreará o venres 7 ás 21.00 horas (coa entrega do Xograr) e o sábado 8 ás 20.30 horas no Pazo da Cultura na apertura do Programa de Sala.
Antes poderán vela os adolescentes dos centros de secundaria, no marco do programa FIOTeen, e poderán charlar co equipo.
Evaristo Calvo afirmou que “Carballo é o mellor sitio para celebrar o noso 30 aniversario”. E facelo con esta proposta “rupturista” respecto á súa liña habitual, sempre usando o “humor, sarcasmo, ironía e, por suposto, perrallada”, sempre é un aliciente.
‘Pirolíticos’, dirixida polas bravas Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao, reflexiona sobre o patriarcado en clave masculina. “Para nós foi un desafío, como autoras, falar do feminismo con dous homes como protagonistas”, sinalou a directora. “O público verá unha serie de escenas nas que retratamos diversas masculinidades, unha especie de álbum de retratos no que os homes tamén se verán reflictidos”, apuntou Gayo.
Antes da estrea absoluta do venres 7, ‘Pirolíticos’ pre-estrearase para o alumnado de secundaria dos centros escolares de Bergantiños cunha función o xoves 6, ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura, no marco da liña de programación dirixida a público adolescente: FIOTeen. Unha vez finalice a función, celebrarase un encontro coa compañía.
Exposición Trinta anos de Mofa e Befa”
Este xoves 6, ás 20.00 horas, terá lugar a inauguración da exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que percorre a traxectoria desde os seus inicios desafiantes nos primeiros anos 90 até a actualidade, nun camiño no que se atreveron con clásicos como Shakespeare ou Rosalía de Castro. A exhibición, comisariada pola artista Natasha Lelenco, poderase visitar no Andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo.
NOVAS do FIOT 22
- O FIOT estreou a 31ª edición lembrando a Pedro Brandariz.
- A coprodución carballesa ‘Wombo Combo’ de Galeatro, exemplo da aposta polo talento local no FIOT,
- FIOT 22: Nace "Onda FIOT", un novo espazo web para as iniciativas de teatro sonoro.
- FIOT 22, Presentación: “O FIOT é moito máis que unha programación de espectáculos. É un motor para as artes escénicas galegas”.
- FIOT 2022: Leo Bassi será unha das estrellas da nova edición da FIOT.
Máis novas do FIOT
- Febreiro 22: O FIOT, entre os 10 eventos culturais máis relevantes de Galicia.
- 2021: Cigarreiras, de Contraproducións, gaña o Premio do Público do #FIOT30.
- 2021: A rúa ten vida no FIOT de Carballo
- 2020: A innovación do #FIOTenpausa achegou o teatro ás novas xeracións.
- 2019: As impresionantes cifras do FIOT, a maior oferta teatral de Galicia.
- FIOT 2018: O FIOT, o maior festival de teatro de Galicia, pecha cun 98% de ocupación achegándose á mocidade.
- Setembro 2018: O FIOT recibe o premio da Cultura Galega de Artes Escénicas.
- 2012: Leo Bassi e Pallasos en Rebeldía rompen o muro da desinformación en Corcubión.