A fundación Humana recolleu 65 toneladas de téxtil usado en Carballo durante o ano pasado
07:10 15/02/17
Arredor do 60% da roupa recollida trátase nas plantas de clasificación e o resto véndese a empresas de reciclaxe
Durante o ano pasado, a fundación Humana recolleu en Carballo un total de 64.948 quilos de téxtil usado, o que supón un incremento do 9,6% con respecto ao ano 2015. A organización ten instalados no municipio carballés 14 contedores nos que a veciñanza pode depositar roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar que xa non usa, e que deste xeito teñen unha segunda vida. O servizo é gratuíto, e representa un aforro importante na xestión dos residuos sólidos urbanos.
A Fundación Humana leva 30 anos promovendo a protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil e desenvolvendo programas de cooperación en África, América Latina e Asia.
Concienciación ambiental
No conxunto de Galicia, Humana recolleu o ano pasado 2.138 toneladas grazas a unha rede de 380 colectores. O responsable do servizo na comunidade, Darío Gómez, considera que as causas do incremento son “unha maior conciencia medioambiental por parte da cidadanía, así coma un claro interese por promover un modelo de economía circular que prolongue a vida do téxtil. Ademais - engade -, o cidadán aposta por darlle unha segunda vida á súa roupa usada grazas, en boa parte, ao esforzo que concellos, empresas e entidades coma a nosa fan para dotala dun fin social”.
As prendas depositadas nos contedores de Humana teñen dous destinos: arredor do 60% trátase nas plantas de clasificación que ten a fundación en Madrid, Barcelona e Granada, e o resto véndese a empresas de reciclaxe.
Novas relacionadas
- Carballo doa 29 toneladas de roupa usada no primeiro semestre de 2016
- A veciñanza de Carballo doou 54 toneladas de roupa usada en 2014
- A ONG Equus Zebra segue recollendo roupa usada en Malpica.
- 4 concellos da zona segues axudando a proxectos de cooperación no hemisferio Sur.
- A ONG Equus Zebra chega tamén á Malpica para recoller roupa.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo