As actividades de Normalización de Carballo chegan a máis dun milleiro de estudantes

Fai repaso o Servizo de Normalización Lingüística das súas actividades de fomento do uso da lingua galega entre a mocidade para este primeiro trimestre do ano. Son moitas e moi valiosas, dignificando a nosa lingua entre a mocidade.
Enreguéifate
Unha das actividades máis divertidas sos obradoiros do proxecto Enreguéifate, nos que participaron 70 alumnos/as de primaria e 30 de secundaria. Ademais de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, o mestres principais, pasarán polas aulas de todos os centros públicos carballeses diferentes especialistas e figuras das artes tan relevantes coma Rosalía de Castro, Francisco Miguel ou Alfredo Brañas.
Club de Debate

A Concellaría de Normalización Lingüística coordina a participación da mocidade carballesa no Club de Debate Alingua, no que 2 dos 32 equipos participantes nesta edición están integrados por alumnado do IES Alfredo Brañas. Os Surfistas da lingua e os Oradores de Bergantiños están preparándose para a fase clasificatoria que se celebrará o 24 de febreiro en Ribeira.
Letras Cantadas e
Onte tamén arrincou a actividade Letras cantadas, unha iniciativa arredor da celebración do Día das Letras Galegas dedicado ás cantareiras e ás coplas populares. Para amosarlles como facer ese traballo achegáronse ata o IES Parga Pondal e o CEIP A Cristina dous auténticos expertos: o concelleiro de Mocidade, Ramón Varela, e o historiador, guía e músico Hadrián García. Nos vindeiros días achegaranse tamén a outros centros.
Mapa Literario
Con Hadrián García a rapazada tamén poderá gozar das rutas do Mapa Literario de Carballo, que percorre distintos puntos da xeografía urbana que ou ben están vinculados a escritores e escritoras locais ou ben forman parte dos seus relatos. As saídas realizaranse ao longo de todo este mes con alumnado de diferentes idades, desde o de Infantil do CEIP Nétoma-Razo ata os maiores da Cristina ou o San Luís Romero.
Mes de Rosalía
Febreiro é tamén o mes de Rosalía de Castro, e arredor do seu día regresarán a partir do días 17 as visitas ao Xardín de Rosalía guiadas e animadas polo grupo musical Raiceira, e destinadas a alumnado de terceiro e cuarto cursos de primaria.
Arredor desa data, outra das novidades deste ano son os obradoiros de poesía dirixidos a nenos e nenas de 2º de Primaria, que arrincarán o día 13 e chegarán a todos os colexios públicos do concello con Antía Otero e Dores Tembrás, do proxecto literario Apiario.
Rutas de Microtoponimia
Tamén son novas as rutas de microtoponimia, que guiará Fernando Cabeza Quiles ata o mes de marzo para o alumnado de cuarto curso da ESO. Esta iniciativa, que xurdiu a raíz das Xornadas de microtoponimia celebradas en setembro do 2024, permitirá ao alumnado coñecer a orixe de moitos dos nomes que se agochan tras as rúas, as casas e os xardíns da nosa vila.
Carballo na Memoria
Dentro do proxecto Carballo na memoria, volverán lembrar ao pintor Francisco Miguel, coincidindo co 88º aniversario do seu fusilamento e co 1º da exhumación dos seus restos no cemiterio de Bértoa. Despois das accións realizadas no último trimestre do ano pasado en varios centros, este mes a figura de Francisco Miguel chegará ao CEIP Xesús San Luís Romero.
125º aniversario do pasamento de Alfredo Brañas
A Concellaría de Normalización Lingüística colabora, ademais, co IES Alfredo Brañas na organización dos actos de homenaxe ao carballés máis ilustre, que se celebrarán o día 21, coincidindo co 125º aniversario da morte de Alfredo Brañas, e nos que participará o alumnado de primeiro curso de bacharelato do centro de secundaria.