A Cabreiroá Junior Pro Razo ou o valor económico do surf
Arrincou a Cabreiroá Junior Prol Razo 2024, a terceira e última das tres probas que a World Surf League (WSL) celebra este ano en España, despois das disputadas en Ferrol e Pantín, gracias á aposta da Deputación. 200 dos mellores surfistas de entre 12 e 20 anos chegados de todo o mundo fan da praia carballesa o epicentro do surf. Países como Xapón, Israel, República Checa, Países Baixos, Italia, Francia, Portugal, Gran Bretaña, Alemaña ou Bélxica teñen o ollo posto no areal bergantiñán para ver como lle vai aos seus deportistas.
O valor económico do surf
E máis alá da importancia deportiva da proba, o vicepresidente da Deputación e concelleiro carballés Xosé Regueira quixo destacar o valor económico deste deporte. O promotor da inclusión costeira na Rede de Pobos do Surf ou da esperada Reserva Mundial de Surf da Costa da More deixou claro que “nunha provincia coma a da Coruña, con 956 quilómetros de Costa, o surf, ademais de deporte, é economía; unha economía que nos permite posicionar unha marca turística e nos ofrece moitas máis posibilidades para acadar retos coma o da desestacionalización”.
O vicepresidente falou da importancia da colaboración entre institucións públicas e sector privado: “Sempre suceden boas cousas no territorio cada vez que, por un evento coma o que hoxe comeza, nos xuntamos as administracións públicas e o patrocinio privado”. “Temos capacidade”, engadiu, “de mellorar o convenio que subscribimos Turismo da Deputación, Turismo de Galicia e Xunta de Galicia, poñendo o surf en primeiro plano e en valor. Non hai que esquecer que os tres concellos da provincia da Coruña onde se celebran este ano probas do calendario mundial, Valdoviño, Ferrol e Carballo, participan no proxecto Red de Pueblos del Surf, de Experiencias Turismo España; ou sexa, tres concellos coruñeses cos que a Deputación traballa para que Galicia, pero tamén o norte no Estado, se convertan en referencia mundial para a práctica deste deporte”.
Para Regueira, citas coma o Cabreiroá Junior Pro Razo dan resultados económicos: “Estiven estes días falando con empresas que teñen o seu labor aquí e están contentos; polo tanto, iso tamén nos dá ánimos para seguir traballando con todos para os vindeiros anos”.
Rematou o vicepresidente desexando que Carballo, “onde se fundou o primeiro camp surf da historia de España”, incremente o número de licencias de deportistas do concello: “Eu agardo que nalgún momento estean competindo polo podio surfistas formados en Razo”.
No deportivo
No cuadro feminino, entre as aspirantes destacan as españolas Anette González-Etxabarri e Sol Borrelli, a francesa Sarah Leiceaga e a portuguesa María Salgado.
No masculino, Lukas Skinner (GBR), Edoardo Poggi (ITA), John John Rabinovich (ISR), os irmáns Dylan e Connor Donnegan (ESP), ademais do herculino Manuel Fernández, vencedor do Open galego, o que lle deu o pase directo á competición principal do Pantin Classic, o pasado agosto, xunto aos mellores do mundo.
Nese sentido, o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa lembrou o grande nivel do surf de base que se fai en Galicia, nomeadamente, dende 2022, cando botou andar o Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Surf en Nigrán. Referiuse nomeadamente a Cris del Llano, Daniela Alonso, Sebastián Bahaamonde e Manu Fernández como os maiores activos do surf galego que van polo bo camiño para conseguir ser olímpicos.