Luns. 29.04.2024
El tiempo

Carballo homenaxeará a Manuel Facal polo seu 80 aniversario

Manuel Facal 1 copia
Manuel Facal
Carballo homenaxeará a Manuel Facal polo seu 80 aniversario

Este 20 de xullo, Manuel Facal cumple 80 anos. E o Concello de Carballo non quere desaproveitar a ocasión para homenaxear ao artista carballés máis internacional. Así, o alcalde entregaralle ás 11:00h unha reprodución do cartel do Concurso de adquisición de pintura galega convocado polo noso concello no ano 1988. Naquela primeira e única edición presentáranse ao certame oitenta obras e obtiveran os catro premios os artistas Antón Mouzo, Berta Cáccamo, Álvaro Gonzalez de la Vega e Cruz Pérez Rubido.

O concello quere agradecerlle tamén a extensa colaboración que vén mantendo dende hai anos co seu concello mediante a doazón de obras artísticas como varios cadros de gran formato e as esculturas O Peixe, situada na rotonda da Ponte da Pedra; O Escalo, no parque empresarial de Bértoa, e Enredos, no IES Monte Neme. 

Esta mesma semana a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Fundación Manuel Facal, constituída legalmente en agosto do ano pasado, para o outorgamento dunha subvención nominativa de 12.000 euros co obxectivo de financiar unha serie de actividades que se desenvolverán ata fin de ano.

Cesión

A Fundación Manuel Facal e o Concello de Carballo están a traballar para que esa cooperación vaia máis alá, por unha banda, coa doazón ao Concello de Carballo de gran parte da obra do artista, que inclúe pinturas, gravados, debuxos, esculturas e outras pezas, e, por outra, coa cesión de uso do edificio familiar de Manuel Facal, situado na rúa do Sol, para convertelo en sede do futuro Centro de Arte Contemporánea Manuel Facal. 

Comentarios