Luns. 20.05.2024
El tiempo

Concluída unha campaña preventiva de desinfección nos colexios de Carballo

Concluída unha campaña preventiva de desinfección nos colexios de Carballo
desinfeccion-colexios-carballo Os traballos remataron onte no CEIP Fogar xusto antes de que o alumnado retome as clases O concello de Carballo vén de concluír unha campaña preventiva de desinfección, desratización e desinsectación de todos os colexios do municipio. O traballo rematou onte no CEIP Fogar. O servizo municipal de control de pragas aproveitou estas datas, xa na recta final das vacacións de verán para o alumnado, para levar a cabo a campaña, que se repetirá no Nadal e na Semana Santa. O servizo municipal de control de pragas tamén se encárga da desratización no casco urbano, por unha banda realizando controis mensuais preventivos e, por outra, atendendo os avisos que se reciben pola posible presenza de roedores. En todos os casos realízase unha inspección e, de ser preciso, aplícase o tratamento axeitado. As persoas que detecten a presenza de roedores poden chamar ao concello de Carballo ao 981 704 100 (servizo de medio ambiente) ou á empresa concesionaria do servizo, Plaguiber, ao 981 754 699. Consello parroquial de Bértoa Por outra parte, a limpeza da cunetas foi un dos temas (xunto co nova lei de prevención dos incendios forestais) que se abordou no Consello Parroquial de Bértoa celebrado o martes. O alcalde explicou que normalmente a roza faise con dous tractores municipais e outros dous contratados. Estes últimos teñen asignados uns quilómetros determinados no seu contrato, e xa os completaron. En canto aos municipais, este ano coincidiu a xubilación dun tractorista, polo que foi preciso realizar unha convocatoria para cubrir esa praza e non podía facerse ata que se materializase o retiro do anterior traballador, e ademais un dos vehículos tivo unha avaría. En definitiva, un cúmulo de factores que influíron negativamente nos traballos e aos que se uniu o tempo, que contribuíu a un crecemento da herba maior do normal. Para evitar que a situación deste ano se repita, Evencio Ferrero anunciou que de cara ao ano que vén ampliaranse os medios dedicados á limpeza das cunetas, tanto aumentando o número de quilómetros contratados coma o de tractores. De feito, o concello de Carballo xa ten en marcha o procedemento de contratación para a adquisición dun novo vehículo. Na sesión deuse conta de varias actuacións realizadas, como a mellora da seguridade viaria no cruce da estrada de Baldaio, a instalación de semáforos na AC-552 (un deles pendentes da alta por parte de Fenosa), os aglomerados das estradas municipais de APonte a O Moucho e de Mirón á estrada de Razo, pendentes de contratación; a construción do centro social, cuxa licitación empezará a tramitarse en breve, ou as limpezas do refuxio de Queo e a Ponte Ferreira. Pero tamén quedan importantes actuacións pendentes para as que se precisa a intervención doutras Administracións, como a prolongación do paseo do Anllóns ou a construción da circunvalación de Carballo. De cara ao futuro, o Consello Parroquial de Bértoa establece coma prioridade para a parroquia a extensión da rede de saneamento aos lugares que carecen dela. A próxima xuntanza quedou fixada para o 30 de xaneiro do 2019 ás 19:30 horas. Fonte

Comentarios