Xoves. 30.05.2024
El tiempo

Estes son os premiados do XXVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

Xurado do Certame Xose Manuel Eiris Carballo 2024
Xurado do Certame Xose Manuel Eiris Carballo 2024
Estes son os premiados do XXVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

A fotoxornalista Mónica Vila Ferreirós (Vilanova de Arousa) é a gañadora do XXVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. Así o decidiu o xurado, que tamén escolleu as obras de Antonio Gutiérrez Pereira, segundo premio; José Manuel Pérez Pena, premio especial Carballo, e Mª Goretty Vázquez Rodríguez, accésit.

O acto de entrega dos galardóns celebrarase o xoves 25, ás 20.30 horas, na Sala Alberto Gende do Pazo da Cultura, que acollerá ata o 14 de xuño unha mostra coas fotografías gañadoras e unha selección realizada polo xurado entre todas as obras presentadas.

Mónica Vila Ferreirós xa ten recibido destaca o Premio Galicia de Fotografía Deportiva 2005, e agora acada o primeiro premio, dotado con 1.500 euros e diploma, pola fotografía titulada Pura e Herminia.

O segundo, patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, está dotado con 750 euros e diploma, e este ano corresponde ao vigués Antonio Gutiérrez Pereira pola fotografía Okupas. Antonio Gutiérrez é un vello coñecido do certame Xosé Manuel Eirís, xa que no ano 2018 gañou un accésit e no 2020 gañou o primeiro premio. 

O Premio Especial Carballo, dotado on 500 euros e diploma, e patrocinado por Interfilm Carballo, marcha este ano para o concello de Ames, de onde é José Manuel Pérez Pena, autor da fotografía seleccionada: Punto de vista.

Tres dos catro premios deste ano van para a provincia de Pontevedra, porque o xurado tamén decidiu conceder un accésit de 300 euros e diploma a María Goretty Vázquez Rodríguez, de Tui, pola fotografía Sen título.

O xurado estivo integrado por Maruxa Suárez Cotelo, concelleira de Cultura, como presidenta; Xan Fernández Carrera, escritor, investigador e divulgador da Costa da Morte, en representación do Instituto de Estudos Bergantiñáns; Ángel Cordero Gómez, fotógrafo e profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña; Vanessa Casteleiro Martínez, fotoxornalista; Marcos Rodríguez Cotelo, fotógrafo; Marta Rodríguez Valverde, creadora de artes visuais e performance, e Carmen Castro Pombo, xefa do servizo de cultura do Concello de Carballo, como secretaria.

Máis novas

Comentarios