As familias do CEIP Bergantiños, "indignadas, cabreadas e doídas coa Xunta" ante a falta de atención ás NEAE
Nova xornada importante para a comunidade escolar do CEIP Bergantiños na súa loita por conseguir recursos para tratar mellor as Necesidades Educativas Especiais. A ANPA A Granxa levou ao pleno carballés unha moción para instar á Xunta á que atenda ás necesidades de profesorado e auxiliares necesarias para levar unha educación pública digna, completa e inclusiva.
Unha moción que foi aprobada cos votos a favor de PSOE e BNG, e a abstención do PP local, situado entre a espada das familias e parede dunha Consellería que xa lle ten virado ás costas ao centro.
As familias, "indignadas, cabreadas, dolidas coa Xunta pero decididas a seguir loitando", describiron nunha longa intervención ante os edís, todos os pasos que levan realizado dende 8 de novembro, cando enviaron o seu primeiro escrito. Tiraron de ironía cando recoñeceron que foi xusto onte, día no que interviñan no pleno, cando recibiron a primeira resposta, mes e medio despois, da Conselleria.
"Unha resposta que nos decepcionou", lamentaron. "Tanto ou máis que saber que o inspector estivo esta mañán no noso colexio pero nin nos avisou para falar en persoa. E non sería por falta de pedirlle reunións. Supoñemos que non nos quixo ver porque lle caería a cara de vergonza se tivese que dicirnos en persoa o que nos dixo por escrito. E, ollo, porque estamos personalizando no señor Trigás, pero el non é máis que un funcionario que fai o que lle mandan desde a Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Así que moitas grazas señor conselleiro Román Rodríguez, e señor presidente Alfonso Rueda. Moitas grazas polos seus desprezos ós nosos fillos e fillas", sinalou rotunda a presidenta da ANPA Rocío Villar na intervención.
Concentración previa
Antes de subir ao pleno, a ANPA convocada unha concentración na Praza do Concello á que acodiron numerosas familias para apoiar as demandas cunha ruidosa cacerolada.
A situación: NEE e NEAE
Villar encargouse de debullar a situación real do centro en canto ás NEE e NEAE:
No colexio temos 575 alumnos, 20 estaban identificados con Necesidades Educativas Especiais (os NEE) e 180, con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (os NEAE). E 50 pendentes de avaliación pola orientadora.
Un alumno con Necesidades Educativas Especiais (NEE) é aquel que afronta barreiras que limitan o seu acceso, presencia, participación ou aprendizaxe, derivadas de discapacidade ou de trastornos graves de conducta, da comunicación e da linguaxe. Por lei, deben estar atendidos polos especialistas de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe. Correcto. No noso centro hai 22 alumnos e alumnas nesta situación e están atendidos, eso sí, con menos horas de atención que o curso pasado.
A outra categoría son os alumnos con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE). Falamos de nenos e nenas con trastorno de déficit de atención, trastorno do espectro autista, trastornos de aprendizaxe, da comunicación e da linguaxe. Falamos de alumnado de incorporación tardía ó noso sistema educativo que descoñece o idioma. Falamos de nenos que poderían ter un futuro prometedor pero, por falta de apoio, poden acabar en fracaso escolar. 198 nenos e nenas nesta situación hai hoxe no Bergantiños. E recordemos que temos 50 esperando a ser avaliados co cal pasaremos, seguro, dos 200. E aquí radica o problema. O sistema di que o apoio a estes nenos deben prestarllo mestres con dispoñibilidade horaria e, mira por onde, os mestres teñen o seu horario cuberto, non teñen máis horas.
Que pasa entón?
Pois que nunha mesma aula podemos ter, por exemplo, 23 alumnos. 1 deles con un grado de discapacidade, 4 con déficit de atención e hiperactividade, 1 con altas capacidades e 1 que non fala nin entende galego nin castelán. E todo iso atendido por un único docente. Por moi bo que sexa é imposible. Humanamente imposible atender a todos como merecen e teñen dereito. E, non se confundan, porque o problema non é so para os nenos con necesidade de apoio educativo, é para todos, porque os que van ben, teñen que ir solos...claro, ata que empecen a patinar e ahí xa temos outro problema.
A Consellería responde hoxe a estas demandas e dinos que temos 4 mestres máis do que nos correspondería “por catálogo”. Pero o problema é que ese “catálogo” fala de número de alumnos non das súas particularidades. E o catálogo aplica os mesmos baremos para un centro con un 10 % de alumnos con necesidade de apoio educativo que para outro cun 35 %, como é o noso caso. Volvemos ó mesmo, non son números, son persoas.
Dinos tamén que aínda temos máis, porque temos un profesor e medio de relixión por riba do catálogo. A Dios gracias. Está ben ter 1 orientador e 1 e medio de relixión. As prioridades están claras.
"Sentimos que se están rindo de nós e esperando a que nos cansemos. Pero van por mal camiño", sentenciaron decididas a seguir pelexando pola educación das súas crianzas.
Que necesita o centro?
A comunidade escolar ten claras as necesidades: un segundo orientador, máis profesorado para poder dar apoio educativo ós nenos e nenas que o necesitan, a inclusión no programa PROA+ e un grupo de adquisición de linguas dotado de profesorado porque o que temos está afogado, canso e preocupado polos nosos fllos.
Máis novas