Fin á folga do lixo en Carballo
- O PP reclama un plan de desinfección dos contedores

Despois de 3 meses de conflito e 30 xornadas de folga, esta mañá de venres asinouse o acordo de convenio colectivo da UTE Carballo que pon fin á folga na recollida do lixo na capital bergantiñá.
A ratificación do documento, que supón unha "mellora substancial das condicións economías e sociais do persoal", sinalan dedne a CIG, e "supón tamén o remate do conflito no servizo de recollida do lixo, a limpeza viaria e a canceira do Concello de Carballo", quedando desconvocada a folga indefinida.
O responsable da CIG de Carballo, Martín Caamaño, quere poñer en valor "á loita desenvolvida polos traballadores e as traballadoras", que "apostaron pola folga e a mobilización como ferramenta para mellorar as condicións laborais e salariais fronte ás raquíticas ofertas presentadas pola empresa".
Valoran que "o convenio supón un avance substancial tanto a nivel salarial como social". Así, destaca que por primeira vez se estabelecen días de asuntos propios; se aumentan as vacacións un día máis; se crean permisos novos con reserva de posto; e se incorporan complementos nas situacións de incapacidade temporal, tanto nas continxencias profesionais como nas comúns.
Esta era unha das reivindicacións básicas do persoal, pois este é un sector que soporta unha especial penosidade por traballar a quendas, ao aire libre e está sometido a un altos índices de toxicidade. Tamén se conseguiu rebaixar a duración da vixencia a tres anos fronte aos cinco que pretendía a empresa.
En materia económica dáse un salto cuantitativo nas táboas ao pactárense incrementos salariais anuais medios por enriba do 5%, e cobraranse os atrasos dende xaneiro deste ano. Ademais, recóllese unha cláusula que garante o mantemento do poder adquisitivo dos salarios durante a vixencia do convenio.
Xunto a isto procederase a incrementar o pago dos festivos traballados e, por primeira vez crearase un novo seguro en caso de morte, accidente e enfermidade profesional.
Valoración do PP
O PP celebra o fin da folga no servizo de recollida de lixo e reclama un plan de desinfección dos contedores e da súa contorna. “Non só é necesario recoller todo o lixo, senón que tamén é imprescindible que se desinfecte despois de tantos días con restos fóra dos contedores”, indicou Lorenzo
Máis novas