Lenda Educativa abrirá o Centro de educación Especial en Ardaña
Tralo polémico peche do Centro de Educación Especial Aspaber, as familias afectadas non pararon de loitar para conseguir a apertura dun novo CEE na comarca. E paso a paso están conseguíndoo. Este curso o alumnado foi escolarizado provisionalmente en Coristanco, pero de cara ao vindeiro período académico xa poderán utilizar o novo centro, que se situará na vella escola de Ardaña.
O proxecto leva en marcha dende hai un ano, cando conseguiron o acordo coa Cooperativa Lenda Educativa, formada por cinco mulleres profesionais carballesas, para desenvolver un proxecto, que onte viu a luz verde do pleno.
A sesión plenaria aprobaba por unanimidade a cesión da vella escola de Ardaña á entidade Lenda Educativa como centro de educación especial.
O Concello de Carballo tiña adquirido o compromiso de ceder un inmoble e nos últimos meses acometeu as obras necesarias para a adaptación da antiga unitaria, sempre en coordinación coa Consellería de Educación, no que se realizou un investimento de 70.000 euros.
Expediente de modificación orzamentaria
O pleno tamén aprobou, cos votos a favor do BNG e as abstencións de populares e socialistas, unha modificación orzamentaria de 783.533,14 euros, procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais.
NOVAS RELACIONADAS
- Marzo 23: Piden un Centro de Educación Especial na comarca de Fisterra mentres o de Carballo volve enredar no Parlamento.
- 22-03-23: A Xunta responsabiliza a Aspaber do peche do CEEPR e asegura a escolarización dos 20 nen@s.
- 08-03-2023: O PSOE pide que a Xunta garanta a educación especial para as familias do CEE Aspaber.
- Manifestación do 01-03-2023: Por un Centro de Educación Especial Público na Costa da Morte.
- As traballadoras do CEEPR ASPABER rompen o seu silencio contra a xerencia.
- O peche do Centro de Educación Especial Aspaber mobiliza ás familias afectadas.