Licitan a primeira obra do Plan de Xestión do Risco de Inundación do Anllóns en Carballo
Segue dando pasiños o Plan de Xestión do Risco de Inundación do Anllóns en Carballo. Un proxecto de máis de 3 millóns de euros que apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes.
O Plan arrinca coa licitación por importe de 282.300 euros, das obras do by-pass no río Anllóns, na zona do Muíño do Quinto, co que se mellorará a capacidade hidráulica do río, gracias a esta apertura dunha canle trapezoidal que permita derivar caudal en períodos de avenida, creando un paso transversal da auga baixo a calzada que atravesa a canle, cun marco in situ de formigón armado.
Executarase a súa rasante lixeiramente máis elevada respecto á canle, de maneira que en réxime natural o río circule polo seu leito pero que, cando se produza un desbordamento, a auga poida ser canalizada pola canle de derivación que se vai executar.
A senda fluvial tamén se verá afectada pola apertura da canle, polo que se proxecta a construción dunha pasarela de madeira de 10 metros de luz que dea continuidade ao trazado.
Esta licitación está aberta ata o 28 de xuño, e as obras, trala adxudicación, contan cun prazo de execución de 6 meses.
O Plan
Ademais, o plan prepara redacción dos proxectos das actuacións da demolición dunha edificación, e remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a mellora integral do parque San Martiño, coa construción de motas de protección fronte ás avenidas; a reparación da ponte da rúa Fomento, coa mellora do leito e as motas de contención augas abaixo da ponte; e a mellora hidráulica do río ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na rúa da Cepeira, en Sísamo.
A maiores, Augas de Galicia tamén traballa na redacción do proxecto de demolición da ponte de San Martiño e da nova ponte da rúa Deza á rúa San Xoán Bautista, se ben esta actuación non está recollida expresamente no marco das actuacións iniciais previstas pola Xunta.
NOVAS RELACIONADAS
- Dous pontecesáns á final europea do Premio Nóbel de Auga Xuvenil co seu sistema de prevención contra as inundacións.
- Setembro 2021: Carballo expropia os terreos dun edificio na ponte da Casilla para poder aumentar a canle do Anllóns.
- Maio 21: Licitan a redacción das primeiras acción Plan de Xestión do Risco de Inundación do Anllóns en Carballo.
- Xaneiro Como é o Plan de Xestión do Risco de Inundación do Anllóns en Carballo?.
- Decembro 2020: Augas e Carballo unen forzas para recudir o risco de inundacións do Anllóns.
- 2016: Licitan un plan contra a inundación do Anllóns en Carballo