Novo paso para o CIS de Carballo
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns a adxudicación das obras de urbanización da parcela por 243.750 euros
Pasiño a pasiño avanza o proceso de ampliación do actual centro de saúde e a súa conversión nun CIS (Centro Integral de Saúde). O Concello ten que preparar a parcela afectada para cederlla en condicións ña Xunta de Galicia, e no marco dese proceso, a Xunta de Goberno Local celebrada este luns aprobou a proposta de adxudicación das obras de urbanización da parcela á empresa Gestal y López S.L. por un importe de 243.750 euros. O prazo de execución é de sete meses a partir da sinatura da acta de inicio dos traballos.
O proxecto consistirá na urbanización da contorna do actual centro de saúde mediante a conexión da rúa Médico Mariño coa avenida do Ambulatorio. Esta nova vía, que será de plataforma única para fomentar a mobilidade accesible, disporá de todos os servizos urbanísticos: redes de abastecemento de auga, saneamento, pluviais, eléctricas de media e baixa tensión e telecomunicacións. O carril de circulación será de formigón e nas beirarrúas empregarase pavimento de baldosa de terrazo en dúas cores. A obra completarase coa sinalización horizontal e vertical, a instalación de mobiliario urbano (papeleiras, bancos, aparcabicis) e a xardinería. En concreto está previsto plantar 15 árbores.
NOVAS do proxecto
- 04-24: Novo paso urbanístico para o Centro Integral de Saúde de Carballo.
- 10-23: O Concello de Carballo cede os terreos para que a Xunta constrúa o Centro Integral de Saúde.
- Decembro 22: Concello e Xunta asinan o acordo para convertir o Centro de Saúde de Carballo nun Centro Integral de Saúde.
- Novembro 21: Xunta e Concello de Carballo unen camiños para facer un novo Centro de Saúde.
- 12-11-21: A Xunta insiste na ampliación do Centro Integral de Saúde de Carballo.
- O BNG carballés fixo campaña na rúa por un Novo Centro de Saúde.
- O BNG considera necesario un segundo Centro de Saúde para Carballo
- O Centro Integral de Saúde de Carballo ou un novo proceso de centralización dos recursos no rural