Venres. 19.04.2024
El tiempo

Organizan unha mesa redonda sobre a riqueza do Monte Neme

Mesa redonda polo Monte Neme
Organizan unha mesa redonda sobre a riqueza do Monte Neme

O Instituto de Estudos Bergantiñáns con esta Mesa Redonda pretende dar e coñecer, poñer en valor, e ao mesmo tempo denunciar a situación de abandono na que se atopa o monte Neme, un dos lugares máis emblemáticos de Bergantiños e un referente xeográfico e histórico para os habitantes da comarca. 

Un lugar esfolado pola minaría e agora ameazado polos eólicos, que a entidade quere recuperar. De aí que organice unha mesa redonda este venres 24 de febreiro, ás 20:00h no Casino Carballo, coa participación de Xan Fraga, Hadrián Eirís, Roberto Rivas, Darío Barreiro e Xan Fdez. Carrera.

O propio Xan, que xa escribiu nestas liñas o artigo "Recuperemos o Monte Neme", ponnos en contexto:

Monte Neme reunía suficientes atractivos para que os antigos brigantinos o considerasen un elemento singular da paisaxe das terras centrais da bisbarra. Máis que pola súa altitude, pola súa situación estratéxica á beira do mar, sen outros accidentes destacados arredor, e cun gran poderío de dominio sobre a paisaxe da contorna, pero ademais tamén como un importante subministrador de materias primas para o desenvolvemento da vida diaria das comunidades veciñas.

Sen embargo trala explotación mineira levada a cabo durante o século vinte despois de descubrir a existencia de volframio, un mineral estratéxico para a industria militar, o Neme sufriría unha grave alteración, que levou á desaparición dos restos históricos que se conservaban na súa cima, símbolo da súa importancia en épocas pasadas.

Despois do peche da actividade mineira no ano 2011 e logo de que a última empresa concesionaria presentase concurso de acredores sen dispoñer de ningún aval económico para a recuperación do deteriorado entorno mineiro, o goberno galego é o responsable de facerlle fronte á situación de abandono na que se atopa o cume do monte.

Tras anos de denuncias contra a empresa Leitosa, a pesar de que esta xa fora disolta en 2015,  a Xunta solicitou unha partida económica de fondos europeos para levar a cabo o plan de rexeneración, axuda que lle foi concedida. Este proxecto de rehabilitación da antiga explotación, terá que ter en conta tamén a posta en valor do monte de cara ao futuro e aproveitar o potencial natural, histórico, cultural e turístico que ofrece este singular espazo bergantiñán.

Entre os seus valores destacarían o de ser o mellor miradoiro da comarca, o ofrecer excelentes condicións para a práctica de deportes ao aire libre como sendeirismo ou rutas en bicicleta, programación de celebracións ou rutas históricas relacionadas coa Eira das Meigas, a capela de Santa Cristina ou a actividade mineira, e tamén un lugar idóneo para actividades de educación medioambiental para escolares da comarca e concellos próximos. Esta posta en valor sería compatible co aproveitamento forestal que as comunidades de montes están a levar a cabo e contribuiría a ofrecer oportunidades para os habitantes dos núcleos da contorna e a fixar poboación no medio rural.

Comentarios