Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Recuperemos o Monte Neme

Mostras da actividade mineira en monte Neme
Mostras da actividade mineira en monte Neme
Recuperemos o Monte Neme

O Neme, non é un monte máis de Bergantiños. Pola súa situación estratéxica, pola importancia histórica e cultural, é o cume máis emblemático da nosa comarca. A mellor atalaia para observar o espazo natural de Razo e Baldaio ou a costa de Malpica e as illas Sisargas, pero tamén para gozar da mellor panorámica do val do Anllóns e as terras centrais da bisbarra. A singularidade deste monte xa espertou a atención do xeógrafo e escritor Ramón Otero Pedrayo, sobre o que manifesta: “O Neme, de 387 metros, entre Leiloio e Razo, siñifica unha forma senlleira nos hourizontes bergantiñáns”.

De cara á súa integridade física pódese dicir que tivo a mala sorte de que o seu granito estivese atravesado por un filón de seixo que contén volframio e estaño. Esta foi a causa da profunda ferida que sufriu durante os anos da explotación mineira para extraer das súas entrañas estes metais e que deixou para sempre o seu cume aberto.

Cando nas primeiras décadas do século pasado se descubriu que o volframio, polo seu elevado punto de fusión, en aliaxe co aceiro, servía para endurecer as armas de guerra, converteríase nun metal estratéxico moi cobizado, sobre todo tralo estalido da II Guerra Mundial.

O coñecemento deste ouro negro, así se denomina tamén o volframio, xa viña de anos atrás. Antes da I Guerra Mundial xa os alemáns estaban á procura deste mineral por Galicia e coñecían a existencia del en monte Neme.

Esta noticia chegaralle ao médico buñés Pedro Abelenda, que contra o ano 1917 xa tiña a concesión dunha mina neste lugar, á que nun principio lle sacou pouco proveito por coller a anterior guerra na fase final, máis el era moi consciente do rendemento económico do volframio, e no caso de haber outra contenda, como así sucedeu, faríao rico a el e a algúns máis.

Sería durante a chamada febre do volframio, cando homes e mulleres das aldeas de arredor do Neme aparcaron o traballo agrícola e botáronse ao monte a practicar a roubeta ou organizados en cuadrillas a extraer mineral, que lle daba moito máis rendemento co que lle proporcionaba unha agricultura de autoconsumo.

Abríronse galerías e pozos nas abas do monte, pero tamén se realizaron extraccións a ceo aberto. Montáronse casetas, máquinas trituradores e lavadoiros para separar o mineral. O quilo deste metal chegou por momentos a cotizar a máis de duascentas pesetas cando o xornal dun traballador da mina era tan só dunhas catorce ou quince, aínda que algúns lográbano incrementar co mineral que sacaban de xeito clandestino.

Unha vez finalizada a II Guerra Mundial, o valor do volframio baixou de xeito brusco pola caída da demanda, aínda que volvese a acadar unha tímida subida durante a Guerra de Corea (1950-1953). Despois de pasar por varias mans, a explotación mineira de monte Neme pechou a mediados dos anos oitenta, pero tivo un último aproveitamento como canteira ata o ano 2012. Logo a última empresa deu quebra e deixou en abandono todo o que alí había: máquinas, instalacións, galerías abertas, pozos ocultos pola vexetación ou barrancos de ata corenta metros de altura quedaron sen ningún tipo de vixilancia nin medidas de protección. Balsas de auga contaminada azul turquesa, que seduciron a centos de instagramers a tirar as máis atrevidas imaxes para subir ás redes sociais.

Ata aquí a longa historia da explotación mineira de monte Neme, que nos deixou como herdanza unha paisaxe desoladora, que logrou borrar boa parte da riqueza histórica e cultural deste lugar e que cómpre recuperar.

O propio nome de Neme xa nos adianta o seu pasado milenario. A palabra celta nemeth, significa bosque ou lugar sagrado, un espazo ritual de cultos ancestrais, reforzados pola existencia dun círculo lítico, tamén coñecido polo termo bretón de cromlech. Un monumento megalítico formado por pedras chantadas dispostas en círculo, a xeito dunha eira, de aí o nome popular da Eira das Meigas. Neste espazo celebrábanse reunións de meigas na noite de San Xoán, tipo aquelarre, unha tradición que aínda lembran persoas maiores da contorna. A práctica destes ritos pagáns levou á igrexa católica a cristianizar este lugar a través da capela de Santa Cristina e a súa fonte santa, da que temos constancia desde comezos do século XVII.

O cromlech desapareceu nos anos sesenta do pasado século, cando se abriron novas pistas, pero hai xente que aínda o lembra e é capaz de describir a súa forma con detalle, ao mesmo tempo que recorda como quedaba pisada a herba do seu interior despois desa noite máxica. Construíuse unha imitación preto do sitio no que se situaba o antigo, pero os rituais desapareceron, igual que sucedeu coa capela e fonte de Santa Cristina.

O monte Neme, despois dos graves danos ocasionados pola actividade mineira de tantos anos, vese agora ameazado pola posible instalación dun parque eólico, anunciado xa hai uns quince anos, pero que de novo se intenta rescatar, o que supoñería outra fonda agresión sobre unha paisaxe xa moi castigada e coas feridas ben visibles.

Este novo atentado non se reduciría só ao espazo da montaña, senón que impactaría visualmente sobre a maioría da comarca, xa que como indicamos, a situación estratéxica deste monte, fai que sexa visible desde numerosos lugares de cinco dos sete concellos que forman Bergantiños.

As empresas eólicas non mostran a máis mínima sensibilidade e respecto polo patrimonio natural ou histórico, tan só miran o seu rendemento económico. Temos que ser os cidadáns os que velemos polos nosos bens patrimoniais e loitemos para protexelos, cando menos, aqueles de especial valor para a veciñanza, como é o monte Neme, un dos bens paisaxísticos, culturais e simbólicos de maior realce da nosa comarca.

Convén devolverlle a dignidade a este mítico monte: recuperar as espléndidas panorámicas que se divisan desde o seu cume, o bosque sagrado que lle deu nome, coa repoboación de especies autóctonas, o círculo lítico da Eira das Meigas e a fonte de Santa Cristina, así como a súa longa historia e tradicións culturais asociadas a el. E facer deste espazo un parque atractivo para goce de bergantiñáns e visitantes, como representan as Médulas para a comarca do Bierzo.

Novas relacionadas

OUTROS ARTIGOS DE XAN FERNÁNDEZ CARRERA

ARTIGOS de Xan Fdez. DA SERIE CAMARIÑAS NO LAMPEXAR DO TEMPO

Comentarios