O San Xoán carballés xa ten programa e cartel

As Festas de San Xoán en Carballo volven encher de lume e festa a vila entre o 21 ao 26 de xuño deste 2022. Co Rockin’ de previa para o sábado 18, a Asociación Cultural San Xoán e o Concello de Carballo preparan un goloso programa.
A primeira gran nova é a publicación, con rotundo éxito, do cartel, obra da ilustradora carballesa Nerea Vilariño (@samenfadei), que se inspirou nas 7 herbas.
Pero ademais, xa temos programa. Se as Tanxugueiras eran o primeiro nome (tocarán a noite do 24, ás 23:00h na Praza do Concello), os outros grandes nomes son Los Enemigos (fará o propio o 25), e Ortiga (o divertido compositor galego estará a noite do 26, a partir das 0:30h).
Entre as cousas destacables, atopamos que a noite do 21 o pregón será lido polo pediatra e director do CHUAC Alejandro Ávila, que xa ten protagonizado campañas municipais vinculadas coa saúde. A noite do 22 será coa Orquestra Olympus. O 23 será o día das cachelas.
O 24 a verbena será coa banda Los Mecánicos (no palco da música do Parque do Anllóns) e Funçao Públika.
O 25 de xuño, a partir das 18:00h, volve tamén o XXIII Descenso do Anllóns, a divertida baixada de singulares barcazas feitas polas familias e pandillas. E pola noite Los Enemigos e a Orquestra Marbela.
A noite do 26 queda reservada para a gran traca de fogos de artificio, dende a Agra da Lagoa, e o concerto de Ortiga.
E como peche, xa o 3 de xullo, a Festa do Bosque, a romaría máis esperada.