Tanxugueiras, o primeiro nome do San Xoán carballés
21:12 01/05/22
A renovada comisión do San Xoán presentábase esta semana avanzando a recuperación dunha festa mítica. Con Rockin'Carballo como un dos puntos fortes, a música estará presente durante ese mesmo 18 de xuño, e tamén durante toda a semana do 21 ao 26. Entre as paradas obrigatorias, a do día 24, na Praza do Concello, coa visita das Tanxugueiras.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro ofrecerán venres 24 o único concerto gratuíto que teñen previsto para o mes de xuño na provincia da Coruña. Á parte do seu recente paso pola emisión do programa de RTVE Gen Playz dende o Mercado Municipal de Carballo, será a súa segunda actuación en dous anos na vila, xa que en setembro do 2021 xa formaron parte do cartel do festival Orballo Cultural.