Venres. 23.08.2019
El tiempo

A Sociedade Galega de Ornitoloxía conmemora en Carballo o 40º aniversario da Directiva Aves

Sociedade Galega de Ornitoloxia en Carballo
Sociedade Galega de Ornitoloxia en Carballo
A Sociedade Galega de Ornitoloxía conmemora en Carballo o 40º aniversario da Directiva Aves

O ano 2019 cúmprese o 40º aniversario da aprobación da comunmente coñecida como Directiva Aves. Esta directiva comunitaria constitúe un fito fundamental na historia da conservación do medio ambiente na Unión Europea, e especificamente das aves e os seus hábitats.

Por iso, a Sociedade Galega de Ornitoloxía quere celebralo cunhas xornadas, que se desenvolverán en Carballo durante a mañá deste sábado 25 de maio no Forum Carballo. “Pasado, presente e futuro das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) en Galicia", é o título desta xornada que servirá de reflexión sobre o estado das ZEPA galegas e as súas aves, así como sobre as eivas na súa xestión que comprometen a conservación deste rico patrimonio natural e potencial fonte de desenvolvemento do rural galego.

A xornada será aberta ao público e contará con diversas ponencias por parte de expertos da Sociedade Galega de Ornitoloxía, como Sergio París; e de Octavio Infante, responsable do programa de conservación de espazos de SEO/Birdlife, a principal entidade conservacionista de España. O segundo bloque, no debate sobre as ZEPAS, falarán Óscar Rivas e Alberto Gil (SGO), Xurxo Mouriño (SGO) e Gustavo Ferreiro (SGO/SEO-Birdlife); e Álvaro Barros e Antonio Sandoval (SGO).

A xornada completarase cunha comida de confraternización en celebración do 20º aniversario da SGO, que tamén ten lugar este ano, e coa celebración da Asemblea Xeral Ordinaria de socios desta entidade, en horario de tarde.

A Directiva Aves

Esta norma de rango europeo establece a protección das aves europeas mediante, entre outros, o establecemento de Zonas Especiais de Conservación para as Aves (ZEPA), integrantes da Rede Natura 2000. Na actualidade unha parte moi importante do territorio europeo ostenta a categoría de ZEPA, sendo preto de 650 en España e representando máis do 20% da superficie do estado.

En Galicia na actualidade existen 16 ZEPA, que abarcan 88.000 hectáreas de superficie terrestre (o 3% do territorio) e 13.000 hectáreas mariñas. Estas áreas distribúense fundamentalmente pola franxa costeira e as montañas do interior de Lugo e Ourense, e constitúen elementos fundamentais da planificación territorial e da conservación do patrimonio común dos galegos que constitúen aves como a aguia real, o sisón, a píllara das dunas ou o arao.

Novas relacionadas

Outras novas de aves

Comentarios