As traballadoras do SAF seguen outra semana máis nas rúas para reivindicar un convenio digno

Unha semana máis as traballadoras do Servizo de Axuda do Fogar de todo o país manteñen a folga e as mobilizacións. Este xoves, traballadoras do SAF de Carballo, Vimianzo, Ponteceso, Muxía ou A Laracha manifestáronse en Carballo, facendo un percorrido dende a rúa Gran Vía até a Praza do Concello de Carballo, pasando polas rúas Doutor Fleming e Valle Inclán.
As traballadoras seguen reclamando unhas condicións laborais e salariais dignas para un colectivo altamente precarizado e feminizado, pero que presta un servizo básico, externalizado pola Xunta no seu momento, para milleiros de galegos e galegas.
Así mesmo, as traballadoras queren amosar o seu rexeitamento ao preacordo de convenio asinado por CCOO e UGT coa patronal xa que non só as condena á precariedade ao non contemplar melloras en materias tan relevantes como a xornada ou a cobertura do 100% no caso de IT, senón que estabelece unha dupla escala salarial en función do concello no que se traballe.
E todo isto, sen garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, xa que ademais a patronal pretende liquidar do novo convenio a cláusula de revisión conforme ao IPC real de cada ano que viña funcionando de maneira autonómica até agora.
Novas do conflito do SAF
- 09-11-2022: “Así, así, nin un paso atrás, Folga, Folga, na Axuda no Fogar”.
- 07-11-22: As traballadoras do SAF continúan a súa loita con manifestacións en Santiago e Muxía.
- 04-11-22: As traballadoras do SAF levan as súas demandas aos Concellos de Carballo, Laracha e Vimianzo.
- 03-11-22: As traballadoras do SAF en folga concéntranse polos concellos de Bergantiños.
- 02-11-22: As traballadoras do SAF e as do Consorcio de IeB, en folga.
- 26-10-22: As traballadoras do SAF de Bergantiños únense contra o preacordo da vergonza.
- 24-10-22: As traballadoras do SAF de Cee rexeitan o convenio acordado polos seus sindicatos.