Viki Rivadulla e Xoán Rubia avivan o Espiral Maior Foro
Este xoves, día 6, e o venres, día 7 de outubro, terán lugar en Espiral Maior Foro de Carballo (Rúa do Sol, 34), respectivamente, dúas importantes citas que sinalan o comezo da actividade cultural neste espazo carballés aberto ao público.
O xoves, día 6, ás 20:00 h. terá lugar a presentación do libro de Xoán Rubia “Pasaba por alí. E quedei un intre”, publicado pola Editorial Galaxia, unha obra na que o mítico cantante e músico, iniciado nos anos 60 e 70 do pasado século, presenta as súas memorias persoais e fai un percorrido pola Galicia cultural, social e artística da etapa na que se desenvolvía a coñecida como Nova Canción Galega. Participará no acto o escritor e historiador carballés Xan Fraga e Xoán Rubia levará a cabo, como agasallo a todos os presentes, unha actuación musical.
O venres, día 7, e despois do éxito obtido en exposicións celebradas en Santiago de Compostela (Claustro do Colexio Fonseca) e en Lugo (espazo do Vello Cárcere), inaugurarase na Galería de Arte de Espiral Maior Foro, ás 19:30 h., a exposición pictórica “Atlánticas. Mulleres do nordés”, da artista muxiá Viki Rivadulla, que presentará ao público máis de 14 obras da serie “Atlánticas” xunto con outras ofertas e formatos. No acto inaugural participarán, ademais da artista, o escritor e poeta pontecesán Miguel Mato Fondo e a poeta coruñesa Laura Pasandín.
Finalmente, o sábado, 15 de outubro, ás 12.00 h. terá lugar unha nova sesión do Clube de Lectura, nesta ocasión arredor da novela de Xesús Fraga “Virtudes (e misterios”, galardoada co Premio Nacional de Narrativa.