A Xunta segue a facer caso omiso das peticións da Valedora no caso do CEIP Bergantiños
- As familias acodirán ao Defensor del pueblo estatal, e seguirán coas mobilizacións
Pasan as semanas pero a Xunta de Galicia segue sen asumir as súas responsablidades en materia de atención educativa á diversidade. Nin sequera se diga a responder á Valedora do Pobo, como está lle trasladou a ANPA A Granxa: "a Consellería de Educación non lle facilitou a información requerida o 22 de novembro por este organismo en relación á queixa presentada polas familias do centro ante a falta de atención que sofre o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo".
Este silencio da Xunta supón un incumprimento da lexislación vixente que recolle a obriga das administracións de atender os requerimentos da Valedora do Pobo no prazo de quince días, prorrogables a un mes no caso de que a complexidade do asunto así o requira. "No noso caso nin quince días, nin un mes, motivo polo cal, a Valedora informa a ANPA de que “con data de hoxe (30 de decembro) requirímolo novamente, lembrando expresamente a esa Administración que tal envío resulta unha obrigación legal (artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo)”.
Novas mobilizacións
Dende a ANPA aseguran que comezan o ano e o trimestre escolar "coas mesmas reivindicacións e máis iniciativas para conseguilas". A próxima semana, a ANPA A Granxa solicitará unha entrevista con novo inspector de Educación asignado para o CEIP Bergantiños, xa que o anterior, Manuel Trigás, deixou o cargo sen explicar "por que non concederon ó centro o programa PROA+ cando cumpre os requisitos; porque non temos un grupo de adquisición de linguas dotado de profesorado cando temos hoxe 11 alumnos estranxeiros sin competencias nos nosos idiomas oficiais e, sobre todo, quen vai dar apoio educativo ós 198 nenos e nenas que teñen un papel que certifica que o precisan si non hai profesorado con horas libres para prestarllo".
Tamén, as familias do Bergantiños presentarán a próxima semana unha queixa ante o Defensor del Pueblo, Ángel Gabilondo, coa esperanza de que a Consellería de Educación lle faga máis caso do que lle ten feito ata o de agora á Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño. E, por suposto, continuarán as protestas ás portas do colexio.