Venres. 29.03.2024
El tiempo

“Se acompaña o tempo, este verán imos ter datos históricos en Carnota”

MEIGA DO MAR WEB Y RRSS_HAB2699-Editar
En xuño abrirá o Hotel Meiga do Mar en Caldebarcos, que rescatou un esqueleto de edificio finado durante a crise inmobiliaria
“Se acompaña o tempo, este verán imos ter datos históricos en Carnota”

Se o verán pasado as cifras de ocupación foron espectaculares, Carnota espera que este sexa aínda máis. “Se acompaña o tempo, imos ter datos históricos”, sinala o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, pois “está habendo xa un gran movemento económico”. “Moma” recoñece que "a COVID, que todos quixeramos evidentemente que non chegase nunca, foi un antes e un despois para o sector turístico carnotán", e que despois das présas do ano pasado, as cousas estanse preparando moito mellor.

A todos os niveis, explica. En canto á hostalería e a restauración, practicamente todos os establecimentos están subindo ás redes anuncios para contratar persoal para cociña ou camareiros, para non chegar tan limitados de recursos humanos como o verán pasado.

As vivendas turísticas (cómpre lembrar que Carnota é un dos Concellos con maior porcentaxe deste tipo de vivendas con respecto ás totais de todo o Estado), “xa teñen chamadas para todo o verán".

Exemplos de desestacionalización

Hai ademais verdadeiras experiencias que serven para potenciar a desestacionalización, como son os Nidos de Carnota, que levan todo o ano cunha gran ocupación favorecendo que haia xente comendo e ceando nos restaurantes da zona durante os meses de inverno e primavera.

Hai outros exemplos do proceso expansivo de Carnota, como a dunha parella de Mazaricos que mercaron casa en Carnota e lle pediron ao alcalde que os casase. “Vaia se os caso, e que me avisen para os bautizos tamén”, bromea.

Noutro camiño, tamén hai boas novas coa elección de Carnota por parte da produtora que lle vai facer un novo spot á casa Martin Códax. Instalaranse en San Cribán e será dunha gran visibilidade para Carnota, pois sairá en televisións estatais, e sempre provoca “efecto chamada”.

Máis importante sería o proxecto de rehabilitación da Rectoral de Carnota e a súa posta en marcha dentro dun proxecto da Universidade Privada para cursos de idiomas. “Levamos ano e medio intentando axudar, porque é un investimento de 3 millóns de euros, moi importante, e a empresa está buscando unha concesión de máis de 30 anos por parte do Arzebispado. Sería ter cada quincena de verán 100 moz@s de toda Europa, unha pasada”, apunta esperanzado de que o proxecto se poida volver a relanzar.

Proxectos hoteleiros, camiño de ser iunha realidade

Finalmente o Hotel Faro de Lariño abrirá as súas portas en xullo. “Será un salto de calidade para o noso sector, sen dúbida”, sinala “Moma”. Máis terán que agardar as obras de acondicionamento da contorna. Trala aprobación, con todas as leas, do proxecto, o Concello non quere que as obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses, se desenvolvan en pleno verán, e esperará a setembro a comezar.

En calquera caso, non é o único proxecto en marcha. A mediados de xuño abre en Caldebarcos o Hotel Meiga do Mar. Un fermoso proxecto que ademais serviu para loitar contra o feísmo urbanístico, aproveitando un esqueleto abadonado que sucumbira á crise inmobiliaria.

Tamén está en proxecto outro en Portocubelo, e hai idea de aproveitar a conserveira antiga de Ardeleiro.

Roteiros listos

O do turismo de natureza está sendo espectacular xa durante a primavera. A técnica María Lago non necesita moita publicidade para encher a serie de roteiros que está artellando, pois en apenas un par de horas xa cubren as 24 prazas disposibles para montar 3 grupos (hai 3 monitores) de 8 persoas.

Pero para que funcionen houbo un gran traballo previo. “O ano pasado non chegamos a tempo, pero este ano, sabendo xa todos os líos burocráticos que hai que superar”, explica. “Temos todo Museo Aberto limpo e desbrozado, coas rutas ben sinalizados e cos seus paneis nos puntos de interese. E mesmo xa estamos na fase final da contratación dunha unha persoa arqueóloga para coordinar o Museo durante os vindeiros 6 meses”, explica. Así, o Castro de Mallou, a Torre dos Mouros ou os petroglifos están listos para unha fermosa visita. “Só falta que o Distrito cumpla, que o vai facer en breve, e limpen de xestas a Senda Verde, tras unha problemática burocrática”.

”Andar ao mar”

Outro dos proxectos en marcha é o de “Andar ao mar”, que xa ten unha subvención de 200.000 do GAC para dúas cousas: Crear un roteiro dende Maceiras ata o Faro de Lariño, con sinalización e acondicionamento da ruta; e a musealización da Caseta de Pepe do Cuco, que xa no seu día foi usada pola confraría como museo, e que agora podería ser utilizada a través das novas tecnoloxías, utilizando por exemplo, un código QR para que se abra soa, e que faga unha visita guiada.

Nesa mesma liña, dende o Ministerio de Transición Ecolóxica van facendo o mantemento das pasarelas de madeira de varias zonas. Pendentes da de Boca do Río, xa restauraron a pasarela de Carnota, e estes dían comezan outra pasarela preto Faro de Lariño. Ademais quedaron en restaurar unha zona en Mallou por mor dunha duna.

Moma con Minones
Moma, xunto a Pequeño, durante a visita do novo delegado do Goberno

No tinteiro queda a proposta de unir o Ézaro e o Pindo, “o que debería ser un ABC”. Moma e Pequeño trasladáronlle a necesidade o mes pasado ao delegado do goberno na súa visita, destacndo queé absolutamente vital unir o Monte Pindo e a Fervenza do Ézaro para os visitantes, “pero tamén pensando nos veciños, por exemplo, do Pindo que van ao banco ao Ézaro e teñen que ir en coche”. “Eimil, o Xefe de Costas, sempre di que é un punto tremendamente necesario, pero foi quedando foi quedando e….”

O Delegado do Goberno deixou caer que debería ter sido cuestión da Xunta de Galicia, pero Moma lamenta que hai pouco que esperar do goberno popular. “Non é por falar de cores, pero a Deputación está metendo preto de 2 millóns de euros en Carnota e a Xunta non pasa dos 200.000€. Se fora pola Xunta teríamos que pechar a porta do Concello”, asegura.

Comentarios