O Asaghieiras Master Festival de Lariño pecha o verán a base de música costeira
Que mellor xeito de pechar o verán que con música galega contemporánea no Asaghieiras Master Festival de Lariño. A ACR As Aghieiras, que nacía en 2008 ao acubillo do Faro de Lariño, retomou o pasado 2023 o seu singular festival tras 5 anos de parón sonoro. E debido ao éxito da edición do ano pasado, este ano repite aposta polas mellores bandas da contorna costeira. Estrea ademais nova ubicación e conforma unha infraestrutura máis profesionalizada.
Neste ano, a banda muradá Terbutalina, xa confirmada como referente do punk estatal, será o prato forte desta edición. Estarán acompañados da divertida banda muradá Lisdexia, a banda local Kondusión Kolérika, ademais do punk das artistas pontevedresas Faul e o ska da banda ourensá Maskarpone.
Actividades máis aló da música
O Asaghieiras mantén as súas raíces ao procurar dar oportunidades a novos grupos co Palco de Espontáneas, onde se poderán anotar as formacións que queiran levar a súa música ao festival durante os cambios das bandas do cartaz.
Tamén se realizará a tradicional sesión vermú e mexilloada, desta vez, coa xovencísima banda muradá “The Universe”, Manu Kasoaparte e as Filophóbicas.
Volverá ademais o roteiro teatralizado, unha actividade estreada na anterior edición e na que diversas artistas e veciños da zona acompañan aos asistentes do festival nunha viaxe lendaria polas historias que rodean a privilexiada paisaxe natural de Lariño.