Axenda da fin de semana da Barca
Unha protagonista especial para esta segunda fin de semana que para moitos na Costa da Morte significa a fin do verán. Muxía prepara a festa de todos, a festa das festas da Costa da Morte, pero ollo, que por Ponteceso teñen á irmá pequena, ademais de recibir a cent@s de trasn@s, cando por Carnota tamén arman un bo lío.
Pero antes repasar festa a festa, vemos como vén o tempo para a fin de semana co parte meteorolóxico dos amigos de 4gotas:
A fin de semana na Costa virá marcada pola mesma borrasca que condicionou o tempo de toda a semana. Está situada a uns 1000km ao oeste de Fisterra no Atlántico. Non se pode mover por mor da presenza dun anticiclón entre Escocia e Escandinavia e seguirá deixando un tempo moi semellante ao desta semana.
Haberá temperaturas altas para a época do ano. Con mínimas nas noites que non baixarán dos 17-18ºC na costa e dos 15 no interior e máximas que rondarán os 25ºC toda a finde.
O venres, nos arredores de Fisterra haberá nubes pola mañá e mesmo algún orballo. Na tarde iranse abrindo claros. No norte da Costa haberá bastante sol. Pola tarde pode chegar algunha treboada. Especialmente preto de Malpica aínda que pouco importantes. No resto predominio do sol.
O sábado predominará o sol en toda a Costa aínda que cara ao interior na tarde veranse nubes, pero non deberían deixar chuvias ningunha.
O domingo será semellante ao sábado, só que as posibilidades de tormenta no mediodía, primeiras horas da tarde, serán máis altas.
Así que, tempo de praia aínda que o ceo non acabe de estar azul todo o día.
A gran Romaría da Virxe da Barca
Non temos o Santuario listo (teremos un pavillón como improvisada capela), pero a gran Romaría da Virxe da Barca, a festa por excelencia de todos os costeiros, xa está en marcha. De venres a luns, o local luns da Barca, teremos 4 días de festa dunha das Festas de Interese Turístico da Costa da Morte. Moito máis que verbena e tracas, moito máis que troula ata a mañá. A Romaría acolle a doble realidade social: a dos máis festexeitos e aos romeiros, que o domingo tomarán as pedras para recuperar a fe.
A Barquiña tamén chama
A outra gran cita da fin de semana é en diminutiva pero non por iso menos marchosa. As Grandes Festas da Barquiña de Ponteceso son unhas festas diferentes. Son 5 días de troula completa (de venres a martes!!), con variedade, dende a churrascada e festival de grupos da volta, unha concentración de coches e bicicletas clásicas, e moita verbena, por suposto.
Máis festas en Carnota e Santa Comba
A outra cita festexeira chega dende o sur da volta, onde as Festas de Carnota recibirán centos de visitantes. O venres arrinca ca Festa da Queimada e festival con grupos folqueiros. O sábado, sesión vermú e verbena por todo o alto.
Ademais, as Festas de Nuestra Señora de los Milagros de Santa Catalina, en Santa Comba, celébranse tamén sábado e domingo.
De trasn@s e Monte Pindo
A fin de semana rematará o domingo coa 2ª etapa do Camiño dos Faros entre Niñóns e a capital pontecesá, xa para empalmar ca verbena dominical da Barquiña. Atentos á preetapa do sábado pola tarde, ás 18:00h na Casa dos Veciños de Brantuas e o Monte do Faro.
Mentres, por Carnota celebrarán o cabodano dos incendios do Olimpo Celta cun fermoso Roteiro polo Monte Pindo dende Caldebarcos.
Unha de cine
A revista dixital The Muros Time está preparando a presentación da Documental “FALANDO CLARO”, a Historia do anarquista de Louro, Claro José Sendón (1897-1937). A cita, o sábado 13 de setembro no Centro Social de Louro.
Máis información
Tendes toda as citas debulladas en:
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).