Carnota prepara a súa gran festa do 20 cumpreanos
Está rematando o curso 2014-2015 na Escola Municipal de Música de Carnota, e o activo centro xa está perfilando os últimos detalles para a gran celebración. Está sendo este un curso especial, o do 20 aniversario, e serve para facer reflexións en positivo. “Todo o que hoxe temos é consecuencia do traballo das persoas que durante estes 20 anos fomos aportando, dende os mestres que estiveron e que están, os alumnos/as e exalumnos/as aos pais e nais que sempre fixeron e fan que todo sexa fácil. Nós estamos moi contentos e moi orgullosos de que, a pesar de toda a crise que se está vivindo, a Escola de Música siga sendo un referente no Concello e na Comarca da Educación Musical e non baixe o seu ritmo nin o seu alumnado”, recoñecen dende a ESMU os mestres Castor Montes, Moncho Domìnguez, Pilar García, Carlos González e Alianza Uhía.
Este ano son 120 os alumnos/as de todas as idades, e todos serán protagonistas do gran Festival de fin de curso, que será o vindeiro mércores 17 ás 19:00 h no salón de actos do Concello.
O mércores día 10, de 17:00 a 20:00h terán unha xornada de portas abertas, para que a xente que non pertenza aínda a ESMU, poida coñecer de primeira man o seu traballo e mesmo probar algún instrumento. E rematan o curso o venres 19 de xuño para comezar as merecidas vacacións.
Anuncian xa que as Inscricións para o seguinte curso 2015-2016 abriranse na primeira quincena de setembro no Concello, no departamento de Cultura e Deportes.
Novas relacionadas
- A historia dos 20 anos da Escola de Música de Carnota.
- Carnota prepárase para un novo MAR de artesanía e agricultura local.
- 20 anos de Escola de Música en Carnota:
- Nadal 2014: A ESMU de Carnota nunca falla.
- Xuño 2014: A Escola de Música volve encher o Salón de Plenos de Carnota.
- Musicoterapia carnotá para os usuarios de Adisbismur.
- Os máis pequenos de Carnota disfrutaron cos músicos da ESMU.
- 2012: A música volve encher o Salón de Plenos do Concello de Carnota.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).