Venres. 14.08.2020
El tiempo

Ézaro, unha viaxe polas covas dos agochados no Monte Pindo (Parte 0)

Ézaro, unha viaxe polas covas dos agochados no Monte Pindo (Parte 0)

Nin os veciños máis activos do lugar as coñecían. I é que o segredo que agochan os enormes pelouros de granito do Monte Pindo só é coñecido polos máis maiores do lugar. Precisamente a través deles e dunha reportaxe da USC e a Productora Faro o descubrían varios mozos da zona.

Varios meses levan detrás desas covas os Mario Rodríguez, Ovidio Castro e César Rodríguez. Esas covas nas que se agochaban os fuxidos do franquismo, que como conta Casimiro de Pito, un dos maiores do lugar dumbriés, eran case todos "agás 4 que eran fascistas". E moi ben se tiveron que agochar, pois segundo Casimiro, só 3 homes do Ézaro morreron na guerra. O resto, ben agochadiños...

Diso se trata, de poñer a falar aos nosos maiores para que nos conten as historias do Cubelo, do Catelo, e doutros republicanos monte arriba. I é que xa quedan poucos maiores que nos poidan contar como eran as sinais que se mandaban cos veciños que quedaban no lugar, como izaban as velas as mulleres dende a vila para que os fuxidos baixasen pola noite...

Un milleiro de historias que aínda quedan vivas entre as cinzas das fogueiras que aínda se conservan nalgunha das covas, ou os candís, que aínda locen nalgunha destas segredas furnas...

En breve, presentación da primeira parte do vídeo "Furneando"

Os Mario, Ovidio e César se puxeron en contacto con QPC e mais con Marcos Rodríguez Fotografía para facer unha reportaxe sobre estas furnas, sobre a historia dos fuxidos do Ézaro polo Monte Pindo arriba. E a reportaxe está en marcha.

De feito, esta semana traeremos en QPC o primeiro vídeo gravado nunha das furnas, ao outro lado da ensenada do Ézaro, á cal chegaron este grupo de intrépidos, acompañados polas bravas Bimba e Nara.
Será o primeiro... pero non o último, pois covas, hai moitas...

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

comentarios