Os pequechos de Carnota fan poesía sen palabras
O venres 13 de maio celebrouse o acto de entrega de premios do Concurso de "Poesía Visual: Versos Ilustrados de Lois Pereiro", convocado polo Concello de Carnota no marco da celebración das Letras Galegas e dirixido ao alumnado dos CEIP de Carnota e O Pindo.
Máis de cen nenas e nenos de educación primaria participaron neste concurso ofrecéndonos orixinais recreacións plásticas da obra do autor homenaxeado.
Eva Pérez e Lucía Caamaño, estudantes de 4º curso de primaria no CEIP de Carnota, gañaron o primeiro premio coa representación conxunta do poema “Nivel”, incluído na obra Poemas 1981-1991.
Tania Beiro, alumna de 6º de primaria no CEIP do Pindo, acadou o segundo premio coa súa recreación duns versos do poema “Revisando os danos”, de Poesía última de amor e enfermidade.
O acto culminou cun divertido espectáculo teatral a cargo de Duende Sico, como premio ao traballo de todos os participantes.
Dende o Concello de Carnota queren agradecer a implicación da comunidade educativa dos dous colexios e o esforzo das rapazas e rapaces participantes que, co seu traballo, dan sentido a proxectos coma este.
Novas relacionadas
- Unha guía para navegar en galego.
- A emigración de Carnota en Nova York (IV) – A chegada: casa e traballo (II).
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Carnota.