Os veciños de Carnota mobilízanse pola posible parálise da Concentración Parcelaria


Vén de emitir o Concello de Carnota un comunicado dos/as veciños e veciñas das parroquias de Santa Comba e San Mamede ante o intento de paralización definitiva da concentración parcelaria por parte da Consellería de Medio Rural. I é que o DOG publicaba a declaración de impacto ambiental que di que a concentración parcelaria carnotá "é ambientalmente inviable e que non debe procederse ó desenvolvemento da mesma", cando segue en proceso de revisión.
Despois da petición reiterada e non concedida dunha entrevista coa Conselleira de Medio Rural e Mar e da moción conxunta do pleno do Concello de Carnota, e tampouco respostada, os veciños e veciñas de Carnota, propietarios dos predios da Concentración Parcelaria, reunidos en asemblea, así como A Xunta Local da mesma e o Concello de Carnota, queren por de manifesto o seguinte:
- Que a concentración parcelaria de Carnota non é un proxecto que se inicie senón que é un proxecto que está en execución e no que se leva investido moito diñeiro e esforzos, tanto públicos como privados.
- Que a rede natura non só non é incompatible ca concentración parcelaria se non que ten que procurar fomentar o aproveitamento sostible dos recursos naturais. E que dende o Concello de Carnota se lle remitiu á Consellería de Medio Rural e Mar modelos de eco-concentracións que, lonxe de ser ambientalmente inviables, o que supoñen, polas medidas de acompañamento que conlevan, é unha mellora ambiental. Somos os primeiros en querer conservar e defender o noso espazo natural. O que temos hoxe non é conservación, é abandono, co correspondente risco ambiental.
- Que a concentración parcelaria suporá para todo Carnota unha rendibilidade en tódolos ámbitos, tanto no económico como no ambiental e no social.
Así, os veciños de Carnota esíxenlle á Xunta de Galiza o remate do proceso Concentración Parcelaria das parroquias de San Mamede e Santa Comba de Carnota. E para elo levarán a cabo mobilizacións, tanto na Xunta de Galiza, Consellería de Medios Rural e Mar, como no Parlamento Galego ate conquerir que se conclúa a Concentración Parcelaria.
Novas relacionadas
- Carnota revive o seu agro.
- Carnota reafírmase como centro de agricultura ecolóxica con premios e cursos.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).