Mércores. 09.10.2024
El tiempo

RECORTES NO ENSINO

A Xunta reduce unha "ATE" no CEIP de Carnota a pesar de aumentar as necesidades de atención á diversidade

CEIP de Carnota
O patio do CEIP de Carnota
A Xunta reduce unha "ATE" no CEIP de Carnota a pesar de aumentar as necesidades de atención á diversidade

Entramo no mes de xullo, un mes chave para saber como será o vindeiro curso escolar. Os continuos recortes en materia de educación levados a cabo ao longo da última década polo goberno popular, poñen o ensino público nunha comprometida situación para afrontar retos como a atención á diversidade.

Así o sofre estes días unha familia de Carnota, que busca un centro axeitado para a escolarización do seu neno de 4 anos, con Trastorno de Especto Autista (TEA) non verbal.

Unha realidade que sofren numerosas familias da comarca, que buscan centros onde a atención ás Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) sexa boa.

No sistema público galego hai 3 tipos de profesionais que axudan a que os nenos con diversidades poidan educarse coa maior normalidade posible.
Por un lado están os Auxilizares Técnico Educativo, (ATE), as chamadas “Coidadoras”, que Inspección Educativa (da Xunta) concede ao centro, sen un criterio especídico, en función das demandas de cada neno.
Ademais, hai Mestres de Audición e Linguaxe (coñecidos como “AL”) e Mestres de Pedagoxía Terapeutica (“PT”), que no rural, cada vez máis, estanse reducindo e son compartidos entre varios centros.
Así, os centros con Departamento de Orientación propio (os que teñen máis de 12 unidades), xa teñen un Mestre Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapeutica AL e PT. Os que teñen polo menos 6 unidades teñen AL e PT propio. E os centros con menos de 6 unidades, os máis habituais na comarca, tamén comparten AL e PT.

Recorte no CEIP de Carnota

Inspección vén de decidir un novo recorte no CEIP carnotán. Das dúas “Coidadoras” que tiña, o centro vai quedar cunha soa para o curso que vén para atender aos 4 nen@s con necesidades especiais. E iso que aumenta a necesidade de horas NEAE, unha vez que marcha un dos nenos (pero que tiña unha escolarización compartida e só ía 2 días á semana ao centro) pero entra un novo neno que si vai estar os 5 días da semana.

Con esta situación, ademais da preocupación das familias por unha atención axeitada, o profesorado tamén se pregunta se vai ter que facer labores como acompañar aos rapaces ao baño, ou darlle a merenda… desatendendo ao resto do grupo.

O Centro xa ten realizado peticións á Xunta para que non leven a cabo o recorte, e as familias terán que volver manifestarse para conseguir evitalo.

”Cabezas de gando”

A da Federación de ANPAS da Coruña- Costa da Morte é unha das voces que máis ten pelexado por un ensino público galego de calidade, e protestado contra os recortes. “A Consellería da Educación fai as contas nun despacho e contabiliza ao alumnado NEAE coma se fosen cabezas de gando e a cada grupo lle tivese que asinar un cortello. Isto é unha desgraza para as nosas crianzas, que hoxe en día aínda o gando non se selecciona así, se non que se segue un criterio persoal e diferenciador, criterio que fará que cada individuo se desarrolle segundo as súas capacidades, e as capacidades concretas de cada individuo fornecen as bases dunha sociedade xusta e igualitaria”, denuncian.

A situación a nivel comarcal

Na zona do sur da Costa da Morte é diversa. Por exemplo, a Confederación de Autismo de Galicia aconsella ás familias a levar aos nen@s aos colexios con menor cantidade de alumn@s, a pesar de non ter normalmente concedidos estes servizos de atención.
Feitos como que o cole estea pechado cun portalón, ou que a sirena non soe tan alto como a alarma de Chernóbil, convírtense en asuntos de importancia para tomar estas decisións, tendo en conta que nin os centros, nin o profesorado están formados en atención a diversidades como o autismo.

Así acontece no cole do Pindo, onde non teñen especialistas pero a atención é máis personalizada ao seren só 30 nen@s. Ou no CEIP Areouta de Sardiñeiro, onde teñen 5 nen@s con NEAE, pero unha PT compartida (12 horas á semana) e unha AL (5 horas) dan para atendelos con correccións. No CEIP Mar de Fóra, teñen 26 nen@s con NEAE, un deles de altas necesidades, e máis ou menos van cubrindo cunha Coidadora, ademais dunha PT, unha AL e un orientador compartidos co propio centro de Sardiñeiro.
No CEIP Pino do Val tamén aseguran estar ben cubertos tamén, sendo un centro con 25 alumnos, 4 profesores fixos, 3 profesores itinerantes, e PT e AL, compartidos con outros centros do Concello, e una ATE. No CPI da Picota, con 112 alumn@s, a situación é algo distina.
En Corcubión, malia que lles viría ben un AL a tempo completo, a ATE compartida co centro dumbriés parece que é suficiente.

Outros centros máis grandes como o CEIP Eugenio López de Cee ten 2 Coidadoras ATE para 8 nen@s con Necesidades Especiais, unha delas compartida.

O dato do CEIP Ramón Artaza

O centro de Muros ten un dato esclarecedor: a previsión do alumnado NEAE para o vindeiro curso é aproximadamente o 30% do alumnado total do centro.

Deste xeito, esperan que se manteña a composición actual do Departamento de Orientación, que conta con unha orientadora, dúas PT e dúas AL, aínda que no catálogo de persoal do centro contan unicamente con unha orientadora, unha PT e unha AL, porque cada ano xustifican o mantemento deste persoal a tempo completo debido ás necesidades do noso alumnado.
Así o comprobaron cando no mes de marzo a segunda AL só puido exercer a media xornada, dificultando significativamente a atención do alumnado NEAE do centro. “Consideramos indispensable o mantemento do persoal especialista PT e AL debido a previsión do alumnado neae para o vindeiro curso co fin de minimizar tamén o impacto causado pola suspensión das clases presenciais e a situación de desvantaxe socioeducativa xurdida”, solicitan dende o centro.

Novas relacionadas

Comentarios