Sábado. 26.09.2020
El tiempo
Marisol Soneira
11:40
29/01/20

Un modelo educativo alleo á realidade comarcal

Un modelo educativo alleo á realidade comarcal

Nestes días vimos de asistir a unha presencia masiva das autoridades locais en FITUR onde se amosou todo o potencial turístico da Costa da Morte. Cada concello falou do seu e ninguén falou do colectivo que, na miña modesta opinión, daríanos mais peso e presencia. Pero, aínda así, demostrouse que temos vimbios cos que construír un cesto de oportunidade para o futuro. Pero si baixamos ao concreto topámonos con problemas que convén resolver si, de verdade, queremos transitar pola senda do desenvolvemento económico e social que mude as tendencias preocupantes que sobre a Costa da Morte veñen planeando dende fai tempo: emigración, desertización humana, carencia de servicios básicos, etc.

Unha das eivas fundamentais é a dun sistema educativo que vive alleo ás necesidades do territorio, xa que o seu obxectivo final non é formar aos nosos rapaces para o potencial mercado laboral que se pretende construír, se non a de cumprir un programa burocratizado onde se imparten disciplinas profesionais que, en moitos casos, son alleas a realidade económica da zona ou absolutamente obsoletas.

Esta é unha comarca cunha forte dependencia marítimo pesqueira, pero non hai ningún centro que forme profesionalmente en materias como a acuicultura, a náutica, ou toda a familia profesional vinculada con estas actividades.

De igual xeito, estamos orfos de formación en materia de turismo e de tódalas actividades relacionadas con el: hostalería, tempo libre, pesca deportiva, mergullo, idiomas, etc.

O mesmo cabería dicir da artesanía. Tamén neste campo a Costa da Morte é unha potencia: encaixe, olería, liño e tantas outras. Todas elas son importantes por si mesmas, pero, a maiores, son un complemento e un reclamo de primeira orde para o turismo. Tampouco estas actividades merecen un miserable módulo formativo reglado e oficial.

Só en agricultura e gandería existe un centro, de iniciativa privada, que, con moitas dificultades, achega formación para todos aqueles rapaces que queren dedicarse á actividades agor-gandeira cunha mínima formación técnica de base.

Reiteradamente se pon á Costa da Morte como exemplo dun gran potencial turístico pero parece que a ninguén se lle pasou pola cabeza que a pedra angular dun desenvolvemento racional desta actividade, coma de tantas outras, estriba na formación de capital humano.

Quizá saia máis barato e mais cómodo, a curto prazo, seguir impartindo administrativo ou mecánica tradicional. E quizá sigan sendo necesarias. Pero si non nos dotamos de capacitación técnica para desenvolver o noso potencial, seguiremos fomentando algo que se nos dou moi ben ao longo de decenios: a emigración.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA

comentarios