25N: Nen unha máis
Xa está a aquí de novo o 25 de Novembro, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. E como non podía ser doutro xeito, a Organización feminista BUSERANA xa se puxo en marcha para artellar unhas actividades que sigan afondando na concienciación, no respecto.
Este 2013, o lema da acción é "Nen unha máis", coa clara intención de facer referencia á urxencia de parar este atentado contra os dereitos humanos que é a violencia contra as mulleres, á importancia de non aturar nen unha agresión, nen unha violación, nen unha bofetada, nen unha máis. Nunca. Nen unha muller máis prostituída, nen unha máis humillada na súa propia casa, nen unha máis... Só facendo visible a inxustiza, a dor, o horror das mulleres que sofren violencia, será posible construír unha sociedade sen ela.
Serán dúas as actividades principais, unha proxección e debate, e unha concentración reivindicativa, mentres xa pensan no vindeiro día 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, para o que xa teñen algunha impactante idea en mente. Pero antes, toca participar nas actividades desta semana:
- Xoves 21, ás 20 horas, no IES Fernando Blanco, de Cee: Proxección de CURTAMETRAXES contra a violencia de xénero.
Para que as situacións de violencia que sofren as mulleres, mozas e nenas, de aquí e de todo o mundo, se poidan mudar, hai que traballar de xeito explícito nas crenzas e comportamentos sociais que as sustentan. E para iso, hai que mirar de cara estas situacións, que, por veces, normalizamos e integramos no cotiá por resultaren dorosas ou molestas. As curtas que se proxectarán este xoves teñen como fin sacar da "normalidade" unha serie de comportamentos, e dar a coñecer distintas formas de sufrir violencia machista, máis ou menos sutís, dende as que anulan até as que matan. - Luns 25, ás 20 horas, na Praza 8 de marzo, de Cee: Concentración, baixo o lema "NEN UNHA MÁIS". Contarán coa exposición de Bernardino Martínez Castiñeira.
Carballo tamén amosa a cara triste
O Pazo da Cultura de Carballo acolle estes días mostra "Mulleres de vida alegre?" que permanecerá até o venres 29 de novembro. Cedida por Médicos do Mundo e composta por instantáneas de Salvador Campillo, transmítenos, a través do testemuño de catro mulleres, as causas e as consecuencias da explotación sexual.
Novas relacionadas
- Cee busca o eu cartel contra a Violencia de Xénero.
- A escultora francesa Camille Claudel chega á Costa a través da Galería Mulleres.
- Muxía e Dumbría únense para promover a igualdade.
- 8 de marzo de 2013: A Costa da Morte demostrou que o feminismo non está en crise.
- 25N de 2012: A Costa da Morte celebra un 25N en contra do cómplice silencio.
- 25N de 2012: 25N sen silencio: Curtas que non calan.
- A mocidade muxián lanza os seus vídeos pola Igualdade.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).