Sábado. 28.11.2020
El tiempo

A escaseza non impediu que Pan de Raposo xuntase máis de 100 cogumelos nas Xornadas Micolóxicas

A escaseza non impediu que Pan de Raposo xuntase máis de 100 cogumelos nas Xornadas Micolóxicas

Continúan as XI Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte afianzándose como unha referencia en todo o país. I é que o traballo da Asociación Micolóxica Naturista Pan de Raposo segue sendo un exemplo de como se fan as cousas, dende abaixo, facendo que os cogumelos pasen de afección a tradición.

Esta pasada fin de semana ducias de veciños da Costa da Morte e doutras partes de Galicia se achegaran ata a Escola de Música de Cee, que por un par de días agochou os instrumentos e deixou medrar os cogumelos. Cada vez chega máis xente, e sobre todo xente de fóra, pois estes días pernoctaron na zona xentes de de Noia, de Santiago, de Negreira, ata de Lugo, de Ponteareas... I é que xa é toda unha referencia alén das fronteiras da Costa da Morte e cada ano está mellor publicitado, vaia que se publicita só.

A fin de semana presentábase complicada, pois o tempo das últimas semanas deixaba "un monte máis que pelado". Así nolo contaba José Manuel Castro Marcote, colaborador desta casa e un dos organizadores. "Dentro do malo conseguimos xuntar cento e pico especies, e a verdade é que menos mal porque xa escoitaramos como se tiveran que suspender outras exposicións en outras partes de Galicia". Pero aló marcharon os Manuel Pose Carracedo, César Pérez, Chemi Traba, Marcote e compañía o venres polos montes da zona para recoller tantos cogumelos como lle saísen ao paso.

E máis de 100 xuntaron para a fermosa exposición. Unha exposición diferente e que chama moito a atención no eido micolóxico, pois é unha exposición tipo belén, cando o máis habitual soen ser exposicións en bandexas que secan demasiado rápido.

A Escola de Música segue a ser lugar fetiche para as xornadas. As visitas guiadas pola exposición (este ano tocoulles aos Manuel Pose Carracedo e a Chemi Traba ademais de ao propio Marcote) sempre están a tope, e iso que mesmo xogaba o Madrid en horario matutino. "É o que máis lle gusta á xente, e danse mellor na exposición que no propio monte porque aprendes moito máis. A xente bombardea a preguntas cando chegan a unha que coñecen, e sobre todo tocan cheiran, rompen... eso sempre ten impacto".

As conferencias tamén teñen o seu público, ás veces máis escollido. José María Costa Lago falou dos usos humanos dos cogumelos nunha charla baixo o título "Introdución á Etnomicoloxía". Castro Marcote falou, dun xeito máis específico, do Xénero Amanita. "Intento que todo o mundo aprenda algo, hai que xogar a todos os niveis, porque hai moita xente que sabe e outra que non tanto". Marcote centrouse sobre todo nos métodos para identificar, para deixar claro o que teñen que mirar, observar.

Unha das charlas máis agardadas foi a do alcalde corcubionés, Francisco Javier Lema Fuentes, Chisco, que achegou os tesouros da "Natureza da Costa da Morte" ata con vídeos realizados por el mesmo e o seu compañeiro Francisco Santiago López.

Novas relacionadas

Nocións micolóxicas con José Manuel Castro Marcote

Máis novas micolóxicas

Outras novas

Fonte

comentarios