Sábado. 13.04.2024
El tiempo

A Feira do Libro de Cee en 1988, segundo Miro Villar

A Feira do Libro de Cee en 1988, segundo Miro Villar
Miro Villar Hai uns días publicabamos un artigo de Miro Villar sobre a Feira do Libro de Cee, que se celebra estes días na vila da Xunqueira, e á que o escritor, natural de Cee, non foi convidado. Hoxe traemos a segunda parte da súa opinión, que trata sobre a I Feira do Libro de Cee, que se celebraba hai 23 anos. Por volta do ano 1986 un grupo de sete mozos “letraferidos” (ou amantes da literatura) constituímos o colectivo de poesía Un Medio e publicamos nos anos seguintes dous cartafoles en papel satinado que foron deseñados e ilustrados polo hoxe afamado arquitecto Xoán Creus Andrade. Cada un deles levaba textos poéticos da autoría de tres dos irmáns Creus Andrade, Humberto, o propio Xoán e un novísimo Estevo; de Xosé María Costa Lago; de Arturo Trillo Sendón, de Rafa Villar e de min mesmo. As publicacións foron subvencionadas pola Concellaría de Cultura de Cee, daquela en mans do mestre Xosé Cañizo Martínez. Nese mesmo ano, do 14 ao 17 de xullo do 1988, celebrouse a I Feira do Libro de Cee na Praza da Constitución, coñecida popularmente como “A Alameda”. Pois ben, o primeiro día, xoves 14, ás sete da tarde celebrouse a presentación do libro Do Courel a Compostela de Uxío Novoneyra (a quen homenaxeamos o ano pasado nas Letras Galegas), que foi presentado polo poeta noiés tamén desaparecido Antón Avilés de Taramancos. Ao remate seguiu un recital poético no que participaron os dous autores citados, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello e “o grupo de xóvenes poetas ceenses Un Medio”, tal e como se sinala no programa. As hemerotecas non menten. E ningún de nós, daqueles mociños de Cee, poderá esquecer esta lectura nun palco e sendo “teloneiros” de autores que liamos e admiramos, pois era o noso bautismo de lume. Daquela aínda ningún de nós publicara un libro e mesmo aínda estaba lonxe de ser así. Algúns aínda non o fixeron, malia escribir moi ben. Xoán Creus publica libros de arquitectura, Xosé María Costa artigos e guías sobre micoloxía e Humberto se cadra é o que máis se afastou do mundo literario. No entanto, Artur Trillo centrouse na dramaturxia con Talía Teatro e publicou pezas teatrais e os tres restantes, Estevo Creus, Rafa Villar e mais eu levamos publicados varios títulos poéticos e tamén doutros xéneros. Chegamos á Feira do Libro de Cee do 2011 e a historia xa se sabe como continúa, silenciamento absoluto para un autor local que leva publicados 6 libros de poesía, 4 de contos infantís, 2 de relato curto, 1 novela xuvenil, 8 estudos literarios sobre diversos autores galegos, 1 tradución, ducias de artigos en revistas de crítica literaria, con poemas en varias antoloxías e traducidos a varios idiomas, alén de ser convidado por varias universidades europeas. De toda esa obra, froito de moitísimas horas de traballo en silencio (porque así é a literatura), tres apareceron nestes últimos meses. Pois ben, todo este labor creativo nada lle importa aos organizadores da actual Feira do Libro. Madía leva!!!

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de Miro Villar.

Comentarios